O mosteiro de Carboeiro recibiu ao longo do pasado mes de agosto un total de 3.261 visitas, unha cifra que segue na mesma liña de anos anteriores (en agosto de 2017 foron 3.303 visitas).
Do total de entradas, preto de 300 corresponden a viaxeiros e viaxeiras de fora de España. Polo mosteiro silledense desfilaron cidadáns de países como Suiza, Gran Bretaña, Arxentina, Francia ou Italia, e en menor cantidade de lugares tan diversos como China, Rusia, Ucrania, Bélxica, Holanda, Estados Unidos, México e mesmo Australia.
Outro dato destacable e o considerable aumento de visitantes de distintas comunidades autónomas, dos non residentes en Galicia. Así, e segundo os datos recabados polos guías do mosteiro, onde se atopa a oficina de información turística, case o 50% dos visitantes (aproximadamente 1.400 persoas) procedían de distintas provincias españolas, destacando residentes en Madrid, Cataluña e distintos puntos de Andalucía.
“Moitos destes visitantes, ademais de coñecer Carboeiro e o seu entorno tamén se achegaron durante o mes de verán por excelencia a outros puntos do noso municipio como a Fervenza do Toxa”, indica a concelleira de Cultura e Turismo, Ana Luisa González.
O mosteiro de Carboeiro, que batiu en xullo un récord de visitas con 2.292 entradas –cifra nunca antes alcanzada durante este mes- segue a ratificarse coma un dos enclaves máis visitados do interior de Galicia.
Horario ata novembro
Durante todo este mes e o de outubro, o mosteiro de Carboeiro contará con horario de outono, abrindo as súas portas ao público, de martes a domingo (os luns está pechado) de 11:00 a 14:30 horas; e pola tarde de 16:30 a 19:00 horas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.