O mosteiro de Poio acollerá un concerto da filharmónica de Pontevedra ó abeiro do programa “MÚSICA NO AR”

O espectáculo, organizado pola Deputación de Pontevedra, terá lugar o venres 14 de agosto ás 19.30 horas e contará co quinteto de metais
Publicado por o día 13/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Eventos,Galicia

O mosteiro de Poio acollerá un concerto da filharmónica de Pontevedra ó abeiro do programa “MÚSICA NO AR”

O Mosteiro de Poio será o escenario o venres 14 de agosto ás 19.30 horas dun novo evento do programa “Música no ar” que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha co obxectivo de incentivar a cultura en vivo despois do estado de alarma e confinamento. Deste xeito, o quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra ofrecerá un concerto no que se interpretarán obras de diferentes épocas para achegar a música a todos os recunchos e democratizar a cultura.

O quinteto de metais da Filharmónica de Pontevedra, composto por Eduardo Narciso Seoane (trompeta), Miguel Adrián Pazos Alonso (trompeta), Ainara González Gómez (trompa), Carlos Cabaleiro López (trombón) e Francisco Javier Lavía Fontán (tuba), conta cunha longa traxectoria, nace en Pontevedra e está conformado por profesionais do ámbito musical cunha consolidada experiencia no mundo da interpretación e da docencia.

O programa do evento conta con pezas de compositores como J. P. Sousa, J. Offenbach, Brahms, Rossino ou S. Joplin. A cita conta con protocolos de seguridade, hixiene e distanciamento ante a crise sanitaria xerada pola pandemia de covid-19, polo que os asistentes deberán asistir con máscara de xeito obrigatorio e os accesos e a capacidade serán controlados de xeito exhaustivo.

“Música no ar”, enmarcado dentro do amplo programa cultural deseñado pola Deputación de Pontevedra para o ano 2020, máis concretamente do plan provincial “Re-acción cultural”, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, procura espallar a cultura por toda a provincia, divulgar a música de cámara de xeito gratuíto e poñer en valor a todas aquelas persoas que se dedican con talento, paixón e virtuosismo á renovación do xénero musical.

Así pois, na presente semana terá lugar unha cita máis ó abeiro deste programa o domingo 16 de agosto ás 20.00 horas, cando a sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo ofrecerá un concerto na Carballeira de Caldas de Reis.

Comentar noticia

Your email address will not be published.