O Movemento VigoHistórico acorda constituírse como asociación

Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Galicia,Social,Vigo

O Movemento VigoHistórico acorda constituírse como asociación

Dada a relevancia do impacto negativo que ten a obra do túnel baixo Policarpo Sanz, Porta do Sol e Elduayen, e a nula disposición do concello a escoitar e considerar outra alternativa que non sexa peonizar soamente unha parte construíndo o devandito túnel, o movemento cidadán VigoHistórico decidiu o pasado mércores constituírse como asociación. Desta forma pretende abarcar as diferentes liñas de actuación que se presentan no futuro.

A Asociación VigoHistórico ten por obxectivo que a Porta do Sol, Elduayen e o Paseo de Alfonso sexan completamente peonís. A intención é evitar o impacto no patrimonio vigués e no medio ambiente, ademais do risco nos edificios, que supón o túnel proxectado polo Concello. É una asociación sen ligazóns políticas, formada por persoas de diferentes ámbitos coa firme vontade de facer un Vigo mellor, ante a oportunidade que xorde co proxecto de peonización da Porta do Sol. Non se trata de veciñanza anti-obras. Trátase de xente que busca un Vigo realmente moderno e sostible.

As prioridades desta nova asociación baséanse en tres piares fundamentais:

1- Ecolóxico.

A peonización cun túnel non reduce o tráfico, sotérrao e promóveo. As cidades deben buscar solucións alternativas e sostibles para diminuír os coches nos núcleos urbáns, e crear zonas de baixas emisións, superando infraestruturas de transporte tradicionais, coma os túneles. Así se destaca na Axenda 2030 da ONU para o desenrolo sostible. Obxetivo 11, o Anteproxecto de Lei do cambio climático do actual goberno de España. 22/02/2019, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible da UE, e o propio Discurso do Presidente Sánchez na sesión de Investidura, 22/07/19, así como o as propostas de negociación do PSOE (punto 253).

Cunha peonización total, como propón VigoHistórico, estaríamos unindo de forma real o Casco Vello baixo e o Casco Vello alto. Deste xeito crearíase unha zona de tráfico restrinxido de baixas emisións que satisfaría todas estas declaracións.

Se, polo contrario, faise o túnel, estase cortando cunha vía de tráfico o núcleo histórico peonil, e de aquí a uns anos atoparémonos con que Vigo estaría incumprindo boa parte de estes plans, programas e futuras leis. Ademais de estar renunciando a respirar un aire máis limpo. Tamén debería considerar o Concello o alto consumo enerxético que supón un túnel, tendo outras opcións de peonalizar.

Hai alternativas que se deberían estudar antes que facer un túnel costosísimo, cuxo investimento poderíase empregar para modernizar a cidade cara o cambio sostible que o planeta demanda. O progreso é reducir o tráfico, non perpetualo.

2- Perda de valor do patrimonio de Vigo.

Cun túnel que expulsa coches diante da Oliveira, o emblema da nosa cidade quedará moi deslucido. O paseo de Alfonso, de ser completamente peonil, sería un espazo case mellor que a Porta do Sol para disfrute da cidadanía viguesa e turistas, polas súas vistas privilexiadas e a súa orografía chá. Pola contra, o Concello pretende facerlle unha fenda no medio cunha vía de coches.

A rúa Elduayen bótase a perder coas ramplas das entradas e saidas, que sempre son xeradores de ruídos, po, lixo e contaminación. Ademais de ver minimizadas as beirarrúas e obrigar a compartir eses espazos entre vehículos e peóns. Por se fora pouco, o trazado do Camiño de Santiago pasa por Elduayen, co que o túnel non é a mellor forma de conservar este patrimonio.

E, por último, nin sequera a Porta do Sol vai resultar o agradable e atractiva que podería chegar a ser, xa que non vai estar exenta de ruídos de tráfico, debido a proximidade dos ocos das ramplas.

3-Risco dos edificios e da propia obra.

Nas reunións que o concello tivo coa veciñanza esta semana, esta puido comprobar o inquietante descoñecemento por parte do concello da situación das cimentacións e dos baixos dos edificios de Elduayen, que ou non están recollidos no proxecto, ou non coinciden coa realidade. Unha obra deste calado non se pode levar a cabo “solucionando os problemas que se vaian atopando”, xa que, aínda asumindo que a seguridade é o primeiro, como asegura o Concello, traballar deste xeito compromete o custe total e, sobre todo, os prazos de execución.

Por todo isto, a asociación VigoHistórico créase para poder acometer diferentes vías de actuación co fin de instar ao concello, sempre de forma respectuosa e construtiva, a que recapacite e pare a licitación da obra e explore outras alternativas para conseguir unha Porta do Sol peonil. VigoHistorico nace co firme compromiso de axudar a esta corporación a facer un Vigo realmente mellor, habitable, e sostible.

Comentar noticia

Your email address will not be published.