O MUSAVI continúa ampliando os seus fondos grazas ás donazóns de particulares

Os doutores vigueses Ruiz Ochoa e Rodríguez Costa, a forense Morte Tamayo, ou as familias Torres Colomer ou Rodríguez Alonso, veñen de realizar importantes doazóns de pezas e documentos sanitarios
Por o 13/03/2018 | Sección: Sanidad,Vigo
O MUSAVI continúa ampliando os seus fondos grazas ás donazóns de particulares

O Museo Sanitario de Vigo (MUSAVI) segue incrementando os seus fondos con novas incorporacións. Ao inventario de 350 pezas xa identificadas e catalogadas, hai que sumarlle un novo bloque de documentación e mostras que van chegando de doazóns de particulares tras a presentación pública do Museo, hai tres meses.

En total, recibíronse 103 pezas entre útiles e equipamento médico-cirúrxico, libros e documentación histórica, de profesionais sanitarios ou dos seus achegados. Xente que deu en atesourar nas súas casas o resultado dun traballo e posiblemente a faceta humanística que os conducía a seguir os seus estudos sobre a medicina e mailos seus avances.

Este é o caso da Familia Rodríguez Alonso, herdeiros do Doutor Francisco Orge Alonso, nado no ano 1891. As súas sobriñas-netas atoparon na casa familiar que elas herdaron una chea de obxectos como o seu propio fonendoscopio, medicamentos da época, e moitos cadernos con anotacións. Completan a colección caixas con xeringas de cristal, revistas científicas e una biblioteca enteira de exemplares médicos daquela, como o “Manual de Anatomía General” de 1828, os “Estatutos de los Colegios provinciales Médicos” de 1921 ou “Nuevas orientaciones en sueroterapia antituberculosa” de 1920.

Cabe subliñar tamén as achegas da familia Torres Colomer, destacando un oscilómetro e diferente instrumental urolóxico do pasado século; así como as doazóns dos doutores vigueses Víctor Ruiz Ochoa ou Alberto Rodríguez Costa, entre outros. Ruiz Ochoa fixo entrega dun transfusor de sangue e aparellos de endoscopia de principios do século XX, mentres que Rodríguez Costa doou, entre outros aparellos, un antigo equipo de Raios portátil de gran interese sanitario e outro de electroterapia, ámbolos dous xa restaurados.

Dende o IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia) e da man de Noemí Morte Tamayo –médico forense– chega ao Museo unha padiola de obstetricia e partos a xogo cun taburete, empregados tamén para pequenas intervencións cirúrxicas. Completa a doazón, bibliografía sobre medicina legal e a Asociación Nacional de Forenses.

Como símbolo de agradecemento e para facer oficial estas achegas, o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, fixo entrega dos correspondentes “Certificados de doazón” a todos estes axentes implicados no desenvolvemento desta nova entidade.

No momento actual, estase a recoller toda a información posible sobre as pezas e mostras que van chegando para ser subidas ao Museo Virtual, debidamente catalogadas coas súas correspondentes fichas.

Chamamento á poboación

Desde MUSAVI vólvese facer un chamamento a todos aqueles cidadáns que poidan gardar información, pezas ou documentación sanitaria dos seus antergos; coa fin de que poidan ser cedidas ao Museo en condición de doadores, por se tratar dun ben común e servir como instrumento de divulgación científica.

Poden contactar co museo a través do correo electrónico: info@museosanitariovigo.es ou do teléfono 986 09 14 24.

Primeiro Museo sanitario integral de España

O MUSAVI é unha iniciativa da EOXI de Vigo co obxecto de preservar a historia e o patrimonio da sanidade da área viguesa. Trátase do primeiro museo sanitario integral de España, que nace coa vocación de converterse nun referente científico, documental e tecnolóxico relacionado cos temas da saúde.

Xurdiu como consecuencia da reordenación da área sanitaria, que permitiu tomar conciencia da existencia de determinada documentación, equipamento, e tecnoloxía, con valor histórico, científico e artístico, que é preciso conservar.

No momento actual, o Álvaro Cunqueiro acolle unha pequena mostra con algunhas das pezas máis representativas dos fondos do Museo.

Ademais, o MUSAVI facilita o acceso virtual a través da web, https://www.museosanitariovigo.es, que pouco a pouco vai ampliando contidos

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.