O Museo de Pontevedra abre este luns o prazo de inscrición de nenas e nenos para o obradoiro creativo da Feira Franca

Baixo o título As Ventás do Ceo, as actividades terán como fío condutor as vidreiras de cores dos templos góticos
Publicado por o día 19/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

O Museo de Pontevedra abre este luns o prazo de inscrición de nenas e nenos para o obradoiro creativo da Feira Franca

O Museo de Pontevedra involucrarase unha vez máis na celebración da Feira Franca e neste 2019 realizará un obradoiro creativo titulado As Ventás do Ceo que terá como fío condutor as vidreiras de cores dos templos góticos. O vindeiro luns día 19 abrirase o prazo de inscrición, que respectará a orde de chegada das solicitudes.

As actividades están dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos de idade e pretenden achegar ás crianzas ao oficio das persoas que tradicionalmente se ocupaban da composición de vidreiras, da fabricación de vidros e cristais e, no seu caso, da reposición das pezas, un labor moi vencellado á construción e cantería. Rapazas e rapaces tamén coñecerán as orixes da Feira Franca e a importancia dos diferentes gremios e do comercio na realización do mercado libre de impostos, que no caso de Pontevedra iniciouse no ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou ese privilexio á vila.

O equipo de profesionais do Gabinete Didáctico do Museo colaborará con pequenas e pequenos para que realicen os seus propios rosetóns mediante ‘collages’ de celofán colocados en bastidores de madeira, reproducindo algunhas das obras máis coñecidas dos fondos da institución provincial.

En total realizaranse catro obradoiros, un por xornada para un grupo diferente de 15 nenas e nenos durante os días 3, 4, 5 e 6 de setembro (de martes a venres). A actividade iniciarase ás 11.00 horas e rematará ás 13.30 horas e desenvolverase no Sexto Edificio.

A inscrición será por vía telefónica (986 804 100 extensións 42412 e 42413) ou a través de correo electrónico (gabinetedidactico.museo@depo.es), e as prazas outorgaranse respectando a orde de recepción de chamadas e de correos, sendo o horario de atención telefónica e de correos de 9 a 14 horas de luns a venres.

Comentar noticia

Your email address will not be published.