O Museo amosa a traxectoria vital e creativa de Leopoldo Nóvoa cunha escolma de 50 obras

A mostra “dun dos artistas galegos máis internacionais” estará aberta ata o 26 de abril e completarase con obradoiros, visitas guiadas e mesas redondas
Publicado por o día 24/01/2020 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Pontevedra

O Museo amosa a traxectoria vital e creativa de Leopoldo Nóvoa cunha escolma de 50 obras

Museo de Pontevedra acolle desde hoxe a exposición ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019′ na que se recollen medio cento de pezas (cadros, libros ilustrados, documentos persoais ou esculturas) do que foi un dos artistas galegos máis internacionais e referente da arte abstracta tanto dentro coma fóra de Galicia na segunda metade do século XX. A mostra supón un percorrido pola súa traxectoria vital e artística desde as súas primeiras obras en Uruguai e Arxentina ata a súa estadía en París e A Armenteira, onde a carga plástica das cinzas se incorpora ás súas creacións.

O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, sinalou o intenso traballo de varios meses para sacar adiante a exposición, que cualificou como unha necesaria homenaxe ao “extraordinario artista” con motivo o pasado 17 de decembro do centenario do seu nacemento na pontevedresa parroquia de Salcedo.

O responsable do Museo destacou a gratitude da institución á viúva de Nóvoa, sinalando que sen o seu apoio tería sido imposible sacar adiante “un proxecto desta envergadura”, xa que parte significativa das obras da mostra son procedentes de París e do estudo-obradoiro do artista na Armenteira. Rey tamén deu as grazas a Sabela Nóvoa e Mercedes Bragante Nóvoa, filla e sobriña de Nóvoa polas facilitades para que a súa obra puidera viaxar desde Montevideo.

Finalmente, sinalou que o percorrido polas etapas do creador está completo grazas á colaboración de José Blanco, Sofía Santos, Adolfo Sobrino, Víctor Montenegro, o Centro Galego de Arte Contemporánea, Colección BBVA, Colección ABANCA, Fundación Barrié, Fundación Luis Seoane e ao Museo de Belas Artes da Coruña “pola súa disposición para que a súa obra forme parte desta exposición”.

A exposición temporal ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019′ inclúe tamén a proxección continua dunha peza audiovisual sobre o creador elaborada por Xurxo Lobato, quen a través de testemuñas de diferentes profesionais achega máis coñecemento sobre o autor. A mostra e o documental completaranse con outras actividades para dar a coñecer a relevancia do artista: mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros axudarán a divulgar a obra e a destacar o carácter de referente de Nóvoa. Ademais, xa que a exposición temporal é algo efémero que esvaecerá na clausura, fíxose un esforzo importante para editar un catálogo de calidade que sobreviva á propia exposición.

Unha vida marcada pola viaxe

A comisaria da exposición, Rosario Sarmiento, fixo na apertura da mostra unha definición de Leopoldo Nóvoa como un home reflexivo e profundo cunha vida marcada pola viaxe, pola súa condición de emigrante buscando acomodo e un lugar onde asentarse, situación vital que o converteu “nun cosmopolita impregnado da sabedoría que dá o coñecemento da diversidade”.

Sarmiento lembrou que Nóvoa foi fillo de diplomático exiliado en plena Guerra Civil, polo que marchou para Montevideo no 1938, onde tomou parte activa da vida cultural da cidade e coñeceu a unha das súas referencias: Joaquín Torres-García. Despois, en 1947 trasládase a Bos Aires e establece relación con Luis Seoane, grazas a quen realizaría a súa primeira exposición individual como pintor, para dez anos despois volver a Uruguai e xa incorporar os tres eixos que a partir de entón vertebrarán o seu proceso creativo: a materia, a luz e o espazo.

Un dos fitos máis importantes da vida do autor, segundo destacou Sarmiento, é o seu traslado a París, a onde chega como emigrante e pintor descoñecido para facerse un oco grazas ao prestixioso galerista Edouard Loeb, que lle proporciona contactos en toda Europa. Mais no 1979 un feito marcará todo o resto da vida e obra de Nóvoa: o incendio do seu estudo parisiense no que se destrúen as máis de 2.000 obras almacenadas, tanto propias como alleas.

Alí só quedaron cinzas, pero estas servíronlle a Nóvoa para reinventarse con case 60 anos, pintando case sen descanso, e compatibilizando a súa estadía en París coa creación durante os veráns (maio a outubro) no seu estudo da Armenteira. Foi en 2012, o 23 de febreiro, cando o autor faleceu na súa casa parisiense despois de traballar, pintar, ilustrar libros, realizar gravados, “unha actividade case imparable de alguén que sempre transmitiu coas súas obras emocións moi profundas”, dixo Sarmiento.

“Nóvoa foi un dos grandes artistas internacionais que ten a Galiza da segunda metade do século XX e unha absoluta referencia na arte abstracta non só en Galicia tamén fóra. Esta exposición no Museo de Pontevedra é unha homenaxe polo que el implica para a historia da arte de Galicia e de fóra dela”, finalizou a comisaria.