O museo do mar acolle a mostra de fotografías “ONDAS DO MAR DE GALICIA”, de Ricardo Grobas

Será inaugurada mañá, ás 19.30 h. polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González
Por o 14/12/2018 | Sección: Eventos,Galicia,Vigo
O museo do mar acolle a mostra de fotografías “ONDAS DO MAR DE GALICIA”, de Ricardo Grobas
Compartir en:

O fotógrafo Ricardo Grobas expón dende mañá ata o vindeiro día 17 de febreiro de 2019 no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, unha colección de fotografías de temática mariña, tomadas en diferentes lugares do litoral galego. A mostra, titulada “Ondas do mar de Galicia. Faros e paisaxes mariñas”, será inaugurada mañá, venres, día 14 de decembro, ás 19.30 h, polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González.

“Ondas do mar de Galicia” consta de 51 fotografías de gran formato realizadas nos últimos anos nalgúns dos enclaves máis espectaculares da costa galega. Deste xeito, a mostra convida a realizar unha fascinante viaxe polos 1.500 quilómetros do litoral de Galicia, dende a desembocadura do Miño, na Guarda, ata a costa cantábrica da Praia das Catedrais, contemplando a prodixiosa beleza das rías, praias, ensenadas e cantís, e admirando a forza da natureza representada en imaxes de temporales en diversos puntos.

As imaxes desta mostra, tomadas en condicións climáticas e de luz natural moi diferentes, destacan pola forza que caracteriza outros traballos de Ricardo Grobas, levado pola súa obstinación e paixón polo mar. É o caso das que dedica ao mar embravecido fronte ao faro de Cabo Home ou fronte á Torre de Hércules.

“Non hai quietude nas paisaxes mariñas, e isto estimula a creatividade deste fotógrafo” –pódese ler no catálogo da exposición–. “As imaxes de Ricardo Grobas gardan a súa paciencia infinita en busca do instante preciso, da perspectiva idónea que realza o obxecto fotografado. É así como a súa cámara nos achega con fidelidade as impoñentes paisaxes da costa galega”.

Ricardo Grobas (Vigo, 1962) desenvolveu a súa vida profesional no ámbito do fotoperiodismo. Actualmente é xefe de Fotografía do diario Faro de Vigo.

Amante da navegación a vela e do submarinismo, ocupa o seu tempo libre fotografando as paisaxes de Galicia e, en especial, as da costa. É socio fundador da editorial Belagua, nacida en 2013 coa finalidade de proxectar Galicia ao mundo a través de publicacións eminentemente fotográficas. Con ese obxectivo publicou os libros La ría de Vigo y su puerto (2009), Illas Atlánticas de Galicia (Belagua, 2013), Galicia, todo un mundo (Belagua, 2015), e Illas Cíes (Belagua, 2016).

O pasado mes de agosto, expuxo en Lorient (Francia), dentro do programa da 48.ª edición do Festival Intercéltico desta cidade bretona, unha selección de imaxes da mostra que presenta agora no Museo do Mar.

PUNTA ROBALEIRA
R.Grobas. Acantilados de Loiba

Comentar noticia

Your email address will not be published.