A voz da viguesa Nuria Lorenzo, unha das principais mezzosopranos galegas, foi a encargada de abrir este sábado no Museo Centro Gaiás o ciclo Matinais clásicas. Acompañada do recoñecido pianista Alejo Amoedo, ofreceu un recital composto por canción galega e española, no que soaron desde o Miña Nai de Cambeiro, ao inesquecible Negra Sombra de Juan Montes ou as cancións sobre textos galegos para canto e piano de Antón García Abril, a partir de poemas de Rosalía de Castro e Alberto de las Casas.
O público asistente a este concerto –de capacidade limitada en cumprimento das medidas de distanciamento social esixidas pola covid-19– puido emocionarse coa voz de Lorenzo, profesional cunha dilatada e premiada carreira como cantante solista e directora coral. A viguesa, que se formou en Verona da man da mezzosoprano Helga Mueller-Mollinari, ten actuado en prazas como o teatro Liceo de Barcelona, o Pazo Euskalduna de Bilbao, Teatro da Ópera de A Coruña ou o teatro de La Zarzuela, entre outros. Alejo Amoedo, quen a acompañou ao piano, é pola súa banda todo un especialista no repertorio de compositores galegos, tendo realizado estudos de acompañamento vocal en Madrid co afamado Miguel Zanetti. Conta ademais cunha ampla traxectoria na que destacan numerosos recitais e traballos discográficos como o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos (2013), xunto ao clarinetista Asterio Leiva, ou Evocación (2016), con obra para piano de Reveriano Soutullo.
Dous novos concertos en xullo
Matinais clásicas, o novo ciclo de música que este verán lanza a Cidade da Cultura para as mañás dos sábados, propón unha viaxe en tres concertos desde o clasicismo de Mozart á música contemporánea galega de Joam Trillo, pasando por Beethoven, Crusell ou Schubert. O ciclo continuará o 4 de xullo cun percorrido pola música de cámara para clarinete e trío de cordas da man de M. Sancho Quartet, formación fundada en 2015 pola clarinetista Marta Sancho Andrés. Neste concerto, a agrupación interpretará obras de entre finais do século XVIII e principios do XIX, e estará composta por Marta Sancho (clarinete), Anca Smeu (violín), Timur Sadykov (viola) e Alejandra Díaz (violonchelo).
Xa o sábado 11 de xullo, o ciclo pechará coa volta aos escenarios –tralo parón obrigado pola situación sanitaria– dunha das principais formacións orquestrais do país: a Real Filharmonía de Galicia, que retoma as actuacións presenciais precisamente con este concerto no Gaiás.
Os concertos son todos de balde cunha capacidade limitada, en cumprimento das medidas de prevención esixidas nesta etapa poscovid-19. Para asistir, cómpre reservar previamente –a través da web cidadedacultura.gal– o convite correspondente, que poderá ser individual ou dobre –dobre só para persoas que convivan no mesmo domicilio–.
Os tres concertos estanse a rexer por un estrito protocolo que inclúe, entre outras medidas, un circuíto de entrada e saída, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, a obriga de asistir con máscara de protección mentres non se ocupe a cadeira asignada ou a substitución dos programas de impresos polo seu equivalente dixital.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.