O Museo Gaiás superou no Nadal as 23.000 visitas grazas á mostra ‘Galicia, un relato no mundo’ e á programación familiar

A primeira exposición internacional da Xunta para o Xacobeo 21 chegou a rexistrar en decembro varias datas de máis de 2.600 persoas nun só día e xa supera os 25.000 visitantes
Publicado por o día 10/01/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

O Museo Gaiás superou no Nadal as 23.000 visitas grazas á mostra ‘Galicia, un relato no mundo’ e á programación familiar

O Museo Gaiás da Cidade da Cultura superou no Nadal as 23.000 visitas grazas á mostra Galicia, un relato no mundo –primeira grande exposición internacional da Xunta de Galicia para o Xacobeo 21– e ás actividades para público familiar para estas datas, nas que se recreou unha vila máxica elaborada con globos biodegradables, dinamizada con obradoiros de balde e con dous grandes espectáculos: un circense-musical e outro con sete magos internacionais.

Na Cidade da Cultura de Galicia celebrouse nestas festas unha programación específica de carácter familiar e continuouse coa exposición Galicia, un relato no mundo, que desde a súa apertura, o pasado 14 de novembro, espertou o interese de máis de 25.000 persoas -máis de 13.000 neste Nadal- e rexistrou xa desde a súa apertura a inscrición de 3000 escolares para asistir ás visitas pedagóxicas, abertas a centros educativos durante as mañás lectivas.

Deste xeito, Galicia, un relato no mundo está a ser a exposición do Museo Gaiás que maior interese está a espertar, ata o momento, tal e como demostran as cifras récord que está a rexistrar nun só día. Nestas festas e, en concreto, na fin de semana do 28 e 29 de decembro, alcanzáronse máis de 2600 visitantes en cada unha destas dúas datas.

‘Nadal no Gaiás’

A programación familiar de Nadal no Gaiás estivo aberta ao público desde o 14 de decembro de 2019 ata o 5 de xaneiro de 2020 e conseguiu a participación de máis de 11.100 persoas, o que supón case o dobre da cifra de 6.700 rexistrada nas actividades do pasado ano.

As actividades tiveron como protagonista unha cidade máxica e de conto, creada con máis de 50.000 globos cento por cento natural e biodegradables. Presidiu esta urbe máxica unha árbore xigante para adornar entre todas as familias e estivo dinamizada todas as tardes con obradoiros plástico-creativos dirixidos á cativada, de balde e sen necesidade de inscrición previa.

O complexo arquitectónico do Gaiás e as súas zonas verdes tamén se tinguiron do espírito de Nadal. Así, os edificios, as rúas exteriores e os espazos naturais da Cidade da Cultura estiveron engalanadas de pequenas luces en forma de planetas e recreando as constelacións do firmamento. Sumóuselle ademais unha árbore lumínica erixida no cumio do Monte Gaiás, visible desde o centro de Compostela.

A programación completouse con dous espectáculos familiares que esgotaron todas as súas prazas: o musical circense Orquestra de Malabares –que irmandou a escola Pistacatro coa Banda Unión Musical de Meaño– e gran gala de maxia Galicia Magic Fest, na que o galego Pedro Volta subiu ao escenario do Museo Centro Gaiás a sete magos internacionais, entre os que se encontraba un gran premio mundial como é Norbert Ferré.

Fotos

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.