O Museo pon en marcha un obradoiro familiar para interpretar teatralmente os cadros da súa colección

A actividade ‘Desde dentro do cadro. Das artes plásticas ao teatro’ ten xa aberto o prazo de preinscrición para persoas adultas e crianzas de máis de sete anos
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Galicia,Cultura,Deputación de Pontevedra,Pontevedra

O Museo pon en marcha un obradoiro familiar para interpretar teatralmente os cadros da súa colección

Museo de Pontevedra vai realizar os vindeiros 13 e 14 de marzo un obradoiro novidoso destinado a público familiar no que se interpretarán teatralmente algúns dos cadros da súa colección. Esta actividade desenvolverase o venres 13 de marzo de 17 a 20 horas e o sábado 14 de 10.30 a 13 horas, estando aberto xa o prazo de preinscrición para público familiar (persoas adultas e crianzas de máis de sete anos -idade recomendada-).

Este obradoiro didáctico é unha actividade multidisciplinar de observación e investigación artística e creación teatral. As persoas participantes realizarán unha viaxe fascinante desde un cadro do Museo de Pontevedra a unha peza teatral creada e interpretada por elas mesmas, axudadas por unha experta e as novas tecnoloxías. Trátase dun camiño a través do que a arte exhibida nas paredes da institución museística provincial cobrará vida.

A actividade dividirase en catro partes. A primeira parada (aterraxe) consistirá nunha visita guiada para iniciar o período de observación dentro das instalacións: Da man dunha persoa experta xogarase con ferramentas teatrais que se utilizarán nas seguintes fases: dinámicas de conciencia corporal, expresión, voz, improvisación, etc.

Na segunda parada (denominada vínculo) as persoas asistentes elixirán unha obra de arte en grupos de catro persoas, iniciando así o proceso de conexión e investigación, trasladando o que evoque a peza elixida a un escrito ou un debuxo. Cada equipo destinará o seu tempo para investigar os máximos datos posibles sobre a obra e o seu autor, utilizando as novas tecnoloxías.

A terceira parada (creación) é o punto cume: mediante a conciliación de opinións as e os asistentes elixirán que escena teatral queren crear respecto ao cadro. Pode ser a que está na propia imaxe do cadro, un momento antes, ou o que pasará dez anos despois. Guiados pola persoa experta, estruturase a historia e repartiranse os personaxes para comezar os ensaios.

Finalmente, na fase denominada ‘vida’, chégase ao destino final: dar vida ás escenas converténdose en espectadores das e dos compañeiros. Para despedirse pecharase o obradoiro cun debate sobre aprendizaxes, sensacións e emocións tras a viaxe.