O Museo, protagonista dun intercambio artístico entre Galiza e Singapur

O director Xosé Manuel Rey recibe mañá no Sexto a cinco artistas que participarán nun obradoiro de pintura sobre vinilo con Antón Sobral
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

O Museo, protagonista dun intercambio artístico entre Galiza e Singapur

O Museo de Pontevedra será mañá protagonista dun intercambio artístico entre Galiza e Singapur baixo o título ‘Galicia: a arte da vida’. O director Xosé Manuel Rey recibirá a cinco artistas singapurenses que percorrerán distintos puntos da xeografía galega ata o vindeiro 2 de outubro e que farán unha parada na cidade do Lérez para participar nun obradoiro con Antón Sobral.

‘Galicia: a arte da vida’ é unha iniciativa comisariada por Cristina Prado e coordinada por Taller Abierto e Antón Sobral. Grazas a ela as artistas Queenie Kou, Joanne Gan, Serene Marth Tay, Cindy Ann, e Fy Jing coñecerán o país e a súa riqueza a través da arte.

En concreto, a súa estadía centrarase arredor de varios itinerarios do Camiño de Santiago realizando varias actividades pictóricas en espacios importantes: en Pontevedra no Museo provincial, en Santiago de Compostela no Museo do Pobo Galego, ou Fisterra, entre outros lugares. Todos eles traballarán da man e coa colaboración de artistas locais como Carmen Hermo, Soledad Pite e Antón Sobral.

Durante a súa estadía en Pontevedra, a expedición singapurense será recibida polo director do Museo Xosé Manuel Rey ás 10.30 horas no Sexto, para despois iniciar un obradoiro de traballo con Antón Sobral centrado na pintura sobre vinilo que rematará sobre as 12 horas. O grupo protagonizará logo unha recepción institucional no Concello de Pontevedra.

A intención do intercambio cultural é establecer un ciclo de xornadas abertas entre a comunidade galega e a singapurense, realizando proxectos conxuntos de expresión artística. Este primeiro intercambio nace como unha primeira expedición con intención de periodicidade anual na axenda cultural galega para establecer lazos con outros sectores, como o turístico ou empresarial. Finalmente haberá unha mostra cos traballos feitos durante as xornadas de conviviencia.