O músico Paco Nogueiras faille unha homenaxe a Xosé Neira Vilas

Publicado por o día 10/12/2015 na sección de Cultura

O músico Paco Nogueiras faille unha homenaxe a Xosé Neira Vilas

Na sesión de mañá en Libros para Soñar interpretará varias cancións do seu poemario “Cantarolas” 

LIBROS PARA SOÑAR acollerá mañá venres, a partir das 18:30 horas, un acto de homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro. O músico galego Paco Nogueiras será o condutor desta sesión especial de contacontos, na que falará do encontro que mantivo co autor e académico uns meses antes do seu pasamento. Na súa visita á Fundación Xosé Neira Vilas estivo acompañado polo artista plástico Leandro Lamas, ilustrador da nova edición do poemario “Cantarolas”, recén publicado por KALANDRAKA, que reúne composicións do propio Neira Vilas e da súa muller, Anisia Miranda.

Da trintena de poemas que contén esta obra, Paco Nogueiras musicou “O paspallás e o sol”, “O vento” e “Soñei cun tuturutú”, algúns dos cales vainos interpretar mañá para o público infantil da libraría. A páxina web da Fundación Xosé Neira Vilas ofrece unha escolma de composicións que inspiraron a outros intérpretes galegos, como ‘Mero’ Iglesias e Francisco Peña ‘Xico de Cariño’.

Na liña dos cantos e dos poemas que contén “Cantarolas”, evocadores da natureza e do medio rural galego, da amizade, dos xogos, dos costumes e das emocións da infancia, no repertorio de Paco Nogueiras non faltarán o conto tradicional “O poliño da abeleira” e unha adaptación do Premio Compostela “Despois da chuvia”, entre outras historias.

EXPOSICIÓN

Por outra parte, LIBROS PARA SOÑAR expón material gráfico dos artistas Federico Fernández e Germán González, artífices do libro despregable “Balea”, publicado por KALANDRAKA e que se presentará o vindeiro venres día 18 ás 18:30 horas. Na sala de exposicións da libraría tamén se proxecta unha montaxe visual que recolle o proceso de creación artística desta obra.

Ademais, neste mes de decembro, LIBROS PARA SOÑAR amplía o seu horario de atención ao público: de luns a sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.