O Nadal vigués multiplicou por 25 o investimento e superou a cifra histórica de 2 millóns de visitas

O alcalde de Vigo fixo balance este venres da campaña de Nadal que finalizou o pasado 13 de xaneiro tras prolongarse durante 51 días. Abel Caballero sinalou que “foi a vez que houbo máis xente na historia da cidade” tras indicar que os cálculos apuntan a máis de 2 millóns de persoas e un retorno económico superior aos 25 millóns de euros.
Por o 18/01/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Nadal vigués multiplicou por 25 o investimento e superou a cifra histórica de 2 millóns de visitas

O Nadal de Vigo mobilizou a máis de 2 millóns de persoas e significou un retorno económico para a cidade que multiplicou por 25 o investimento levado a cabo polo goberno local. O alcalde, Abel Caballero, fixo balance este venres dos datos globais que deixou un Nadal “histórico” que logrou un “éxito excepcional”.

“Multiplicou por 25 o investimento, sen contar o custe da publicade en medios de comunicación, que serían millóns e millóns de euros, é incalculable a aparición mediática de Vigo en televisións, radios, periódicos, dixitais…”, sinalou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Caballero cualificou a campaña de Nadal como un momento histórico para a cidade. “É posible dicir que este Nadal foi o acontecemento turístico máis importante que houbo nunca na historia da cidade e prolongouse dous meses, foi a vez na historia da cidade que houbo máis xente en Vigo”, apuntou.

Ademais, o alcalde destacou a importancia do alcance que tivo o evento en todo o mundo. “A imaxe marca de Vigo creceu exponencialmente, as referencias sobre o Nadal de Vigo en medios de comunicación son incontables e as redes sociais foron promotoras”, sinalou.

En canto ás grandes cifras obtidas, destacan os 250.000 vehículos máis respecto a 2017 (incremento do 13,57%) que entraron na cidade e os 814.621 usuarios de rutas de Vitrasa ao centro (11% máis do previsto). Ademais, o transporte por tren presentou unha ocupación do 100% durante as fins de semana e o transporte de ría tivo 10.000 persoas máis que en 2017 (incremento do 9%).

Un dos grandes éxito da campaña foi o NadalBus, que pechou con 15.000 usuarios, mentres que o Belén da Casa Artes alcanzou un total de 62.000 visitas e o Poboado de Nadal recibiu a 70.000 persoas.

Ocupación hoteleira

Abel Caballero tamén fixo fincapé na ocupación hoteleira, que durante os fin de semana tivo unha ocupación media do 85% (67% de media no global de dous meses) e alcanzou picos do 95% e 100% na Ponte da Constitución e Fin de Ano, para subir un 30 puntos respecto a 2017, cando xa houbo unha afluencia moi importante.

“Temos que aproveitar o tirón, porque estamos ante un éxito excepcional do que todo Vigo é consciente, e porque ademais demostramos que somos unha cidade acolledora”, afirmou o alcalde.

Os datos do aeroporto de Vigo ofrecidos por Caballero tamén reafirman a importancia do acontecemento. Así, Air Europa ofreceu case 500 prazas máis só na Ponte da Constitución cunha media de ocupación do 70%; Air Nostrum rexistrou un incremento do 30% de ocupación na ruta Bilbao-Vigo cunha media do 63%, no Vigo-Valencia logrou unha ocupación do 70% e a Gran Canaria chegou ata o 86%.

Por último, no sector da hostalería o volume de negocio aumentou máis dun 50% máis respecto ao ano pasado, e o pequeno comercio da zona centro experimentou un aumento de ventas do 20%.

Comentar noticia

Your email address will not be published.