O novo banco de sangue contará cunha unidade de aférese para atender aos pacientes de xeito ambulatorio

Trátase de dar resposta ao incremento da actividade, xa que o pasado ano realizáronse 244 procesos de aféreses, un 22% máis que o anterior
Por o 13/03/2018 | Sección: Sanidad,Vigo
O novo banco de sangue contará cunha unidade de aférese para atender aos pacientes de xeito ambulatorio

O servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do CHUVI vai contar con dúas novas Unidades específicas que lle permitirán ampliar a súa carteira de servizos: a Unidade de Aférese e o Laboratorio de Coagulación Especial. Para isto, vaise acometer unhas obras de ampliación do Banco de Sangue do Hospital Álvaro Cunqueiro, tal e como ven de anunciar o Diario Oficial de Galicia. O orzamento desta licitación ascende 181.340,24 euros.

O obxecto desta actuación é dar resposta ao incremento de actividade experimentado nos últimos tempos. Unha vez transcorridos dous anos da posta en funcionamento do hospital Álvaro Cunqueiro, tense constatado un notable incremento da actividade a nivel xeral, e en particular no servizo de Cirurxía e Hematoloxía. Por isto, faise necesaria -tal e como solicita o propio servizo de Hematoloxía- unha reordenación dos actuais espazos, así como a dotación de novas infraestruturas para atender a esta demanda crecente e mellorar a eficiencia na prestación de servizos, e na calidade percibida por parte dos pacientes.

Así, ademais destes novos dispositivos, o propio Banco disporá duns espazos máis amplos que melloran a súa funcionalidade e os circuítos, e posibilitarán a implantación de novo equipamento tecnolóxico como unha campá de fluxo laminar.

Beneficios para os pacientes

A aféreses é un procedemento polo que se extrae a sangue total dun paciente ou doador e sepárase en diferentes compoñentes segundo o seu tamaño, densidade e peso mediante a forza centrífuga dunha máquina ou separador celular, co obxecto de adquirir o compoñente desexado (hematíes, plasma, leucocitos,…).

Nos últimos anos estase asistindo a un notable incremento das indicacións desta técnica por parte doutros servizos distintos da propia hematoloxía. O pasado ano realizáronse no CHUVI un total de 244 procesos, o que supón un incremento dun 22% con respecto o ano anterior.

A día de hoxe os pacientes que deben someterse a estes procedementos de aféreses, son ingresados no hospital. O pasado ano foron 80 pacientes. A nova Unidade permitirá a realización destes procesos de xeito ambulatorio, sen ingreso hospitalario na maior parte dos casos. Para isto contará con 3 postos -2 camas e 1 sofá reclinable- con monitorización de constantes vitais cada un deles.

No novo dispositivo asistencial realizaranse todas as técnicas da carteira de servizos, tanto urxentes -recambio dalgún compoñente sanguíneo nas primeiras 24 horas da indicación, xeralmente recambios plasmáticos- como programados.

No referido a estes últimos, efectuaranse técnicas como a recolección de Proxenitores Hematopoxéticos de sangue periférica para transplante, tanto do propio paciente -utilízanse os proxenitores obtidos de sangue periférica en máis do 95% destes transplantes- como de doador.

Outra das técnicas son a fotoaférese, plasmaférese ou granulocitoférese.

Certificación

Os novos recursos e dotacións permitirán ao servizo de Hematoloxía cumprir cos requisitos esixidos para acadar a prestixiosa certificación CAT da Sociedade Española desa especialidade, proxecto no que o equipo sanitario xa está traballando, e que o converterá no primeiro de Galicia en contar con esa certificación que garante a excelencia e a seguridade dos seus procesos asistenciais.

Laboratorio de Coagulación Especial

Ademais, con esta obra vaise modificar o Laboratorio de Coagulación Especial, dotándoo dun espazo exclusivo e diferenciado. Nesta Unidade realízanse estudos específicos dos problemas de coagulación -hemofilias e outras coagulopatías conxénitas e trombofilia- e trastornos da agregación plaquetaria.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.