O novo Centro de Saúde de Gondomar xa está preparado para recibir aos primeiros pacientes

A apertura formal das novas instalacións só está pendente das actuacións que lle corresponden ao Concello, segundo o convenio subscrito co Sergas
Por o 24/07/2019 | Sección: Galicia,Gondomar,Sanidad
O novo Centro de Saúde de Gondomar xa está preparado para recibir aos primeiros pacientes
Compartir en:

O novo Centro de Saúde de Gondomar xa está preparado para recibir aos primeiros pacientes, unha vez que terminaron as obras que lle correspondían ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A apertura formal das instalacións só depende de que o Concello faga as actuacións que lle corresponden segundo o convenio subscrito co Sergas. Directivas da área sanitaria de Vigo acompañadas de Paula Bouzó, portavoz do PP en Gondomar, e veciños da zona visitaron o edificio e constataron a finalización da obra.

A nova infraestrutura sanitaria levántase sobre unha parcela de 4.974 m2 cedida polo Concello de Gondomar ao Servizo Galego de Saúde e conta cunha superficie construída de 1.611,20 m2, o que supón un incremento de 990,2 m2, un 159,45% máis respecto ao espazo do que se dispón ata agora.

A apertura no novo centro de saúde só depende xa dos trámites que teñen que realizar outras administracións. “Por parte do Sergas está todo listo para que o centro poida funcionar canto antes”, sinalou o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña, tras realizar un percorrido polas instalacións.

O inmoble divídese en áreas funcionais, con división lonxitudinal en dúas bandas, unha orientada sempre cara o patio, que enlaza todas as áreas públicas de espera e circulación, mentres que a outra crea un anelo de carácter especializado de atención personalizada ou servizos específicos.

Na área médica conta con 6 consultas de medicina xeral, 6 de enfermaría, 1 consulta de matronas e 1 sala de educación maternal. Tamén hai un despacho de coordinación e de asistente social, unha sala de toma de mostras, unha sala técnica e dúas salas polivalentes. Na área pediátrica contará cunha consulta de pediatría e unha consulta de enfermaría pediátrica. Nas zonas do edificio hai unha área de admisión, un arquivo de historias clínicas; almacéns, sala de caldeiras, sala de estar para o persoal, aseos (tanto públicos como para o persoal), sala de xuntas e biblioteca.

O novo centro de saúde de Gondomar atenderá a unha poboación de 10.615 tarxetas sanitarias, das que 1.178 son menores de 15 anos. A construción desta nova infraestrutura da rede sanitaria pública galega permitiralles tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispoñer dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste concello.

O novo centro de saúde de Gondomar figura entre as actuacións previstas polo Sergas para mellorar as instalacións de Atención primaria na área sanitaria de Vigo. Nese paquete de medidas inclúese o novo centro de saúde de Oia, xa en funcionamento desde hai tempo, o novo centro de Pazos de Borbén, no que pronto rematarán as obras, ou o proxecto de construción para o novo centro de saúde de Bouzas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.