O novo decreto de Inspección ambiental de Galicia entrará en vigor o 17 de febreiro co fin de modernizar e mellorar o servizo

Despois de máis de 20 anos de vixencia do actual marco normativo, o documento completa, unifica e actualiza o exercicio desta función na comunidade autónoma
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

O novo decreto de Inspección ambiental de Galicia entrará en vigor o 17 de febreiro co fin de modernizar e mellorar o servizo

A DOG publica hoxe o novo decreto regulador da inspección ambiental da comunidade, un documento co que se clarifica, actualiza, unifica e completa o réxime aplicable ao exercicio desta función no ámbito autonómico. Deste xeito, a Xunta culmina desde o punto de vista normativo o traballo feito nos últimos anos co fin de acometer unha profunda transformación do servizo de inspección ambiental galego, ata situalo á vangarda do país e convertelo nun referente dentro da UE.

Despois de máis de 20 anos de vixencia, o marco normativo polo que se rexe a inspección ambiental en Galicia quedou obsoleto, non só en relación coa normativa española e comunitaria básica senón tamén con respecto á propia organización e funcionamento actuais da inspección ambiental a nivel autonómico. Isto fixo necesario elaborar un novo decreto, que tras a súa publicación hoxe no DOG entrará en vigor o próximo 17 de febreiro.

Entre os aspectos máis destacados da nova regulación, aprobada polo Consello da Xunta a comezos de xaneiro, cómpre subliñar que introduce neste ámbito a función preventiva, apostando pola adopción de medidas que eviten os danos ambientais. Así, fronte ao enfoque represivo da meirande parte das normativas autonómicas na materia, centrado na comprobación das infraccións e dos danos xa producidos, o novo decreto aposta de forma complementaria por implantar unha cultura preventiva propia da regulación máis moderna.

Tamén incorpora as últimas novidades da normativa comunitaria sobre prevención e control integrados da contaminación, que recolle toda unha serie de obrigas respecto á necesidade de realizar inspeccións ás instalacións sometidas a autorización ambiental integrada (AAI) e a elaborar plans e programas de inspección que comprendan estas instalacións. Galicia, de feito, foi unha das poucas comunidades que conseguiu o obxectivo de realizar o control e as inspeccións esixidas regulamentariamente ás instalacións con AAI.

Así mesmo, o novo texto tamén actualiza os distintos ámbitos e materias obxecto da inspección ambiental, tendo en conta que non se recollían todas as instalacións nas que, na práctica, xa se están a realizar, e propón unha nova clasificación dos tipos de inspeccións.

En definitiva, a nova regulación plasma tamén a nivel normativo a necesidade de que os inspectores ambientais galegos realicen, tal e como están a facer, un labor de control e vixilancia daquelas actividades e instalacións susceptibles de afectar ao medio ambiente, pero tamén de concienciación e información co obxectivo de prever calquera dano medioambiental, contribuíndo así a mellorar o comportamento das actividades que se desenvolvan en Galicia, e fomentando á vez a información pública e a participación social.

Para logralo, o decreto contempla algunhas novidades respecto do texto anterior, como a obriga de elaborar unha memoria anual na que se avalíen as inspeccións realizadas, a regulación dos plans e programas de inspección ambiental, a posibilidade de realizar actuacións informativas, ou o fomento da información pública, impoñendo a obrigatoriedade de que todos estes documentos, entre outros, se poñan a disposición dos cidadáns.

Un servizo de inspección exemplar

Desde hai anos, a Inspección Ambiental de Galicia é pioneira en España, colaborando con outras comunidades a través do intercambio de información e coñecementos e participando activamente en programas da Rede Europea de Inspección Ambiental e en programas comunitarios twinning de formación nesta materia en países que pretenden entrar na UE.

Galicia é tamén a comunidade española que dispón dun maior número de profesionais dedicados exclusivamente á realización de inspeccións ambientais de actividades industriais. A maior parte son inspectores seniors polo que dispoñen de ampla experiencia e participan en redes de inspección ambiental da UE.

Ademais, desde decembro de 2018 é a única autonomía de España e unha das poucas rexións de Europa que ten a certificación de Sistema de Xestión de Calidade en base aos requisitos establecidos na norma ISO 9001:2015. Trátase dunha acreditación de recoñecemento internacional que certifica a excelencia do servizo prestado polos inspectores galegos e permite a implantación de procesos e estratexias orientados ao incremento da eficacia e da eficiencia da entidade acreditada.

Os labores de inspección ambiental realízanse seguindo os obxectivos e as liñas estratéxicas indicadas no Plan de inspección ambiental (actualmente o Plan 2019-2024) e do programa anual correspondente. Do seu cumprimento encárganse os inspectores do servizo de Intervención Ambiental (nestes momentos un total de 16 persoas: oito da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e oito das Xefaturas Territoriais, dúas por provincia), que reciben o apoio e reforzo da Unidade Policial Autonómica de Galicia (UPA), con 40 axentes para a realización de inspeccións medioambientais.

No marco do anterior Plan de Inspección ambiental (2013-2018) realizáronse arredor de 20.000 inspeccións na comunidade. Grazas a este labor, as instalacións reaccionan moi rapidamente á emenda das desviacións que se atopan; ademais, conseguiuse que se involucren cada vez máis en introducir melloras medioambientais e na avaliación de riscos para así evitar accidentes ou diminuír os danos ambientais en caso de que se produzan. Nestes últimos anos, de feito, obsérvase unha diminución do número de inspeccións por emerxencia, maioritariamente por mor de incendio e/ou vertidos de hidrocarburos.