O novo deseño que lucirá o espigón do Porto vai collendo forma

Publicado por o día 07/09/2018 na sección de A Guarda,Galicia

O novo deseño que lucirá o espigón do Porto vai collendo forma

Baixo o concepto de «A Guarda escrita nas estrelas» o novo deseño do pintado do espigón norte do Porto da Guarda vai colendo forma grazas ao traballo dos artistas Alberto Brandon e Nuria Villa, así coma o de máis de medio cento de voluntarios que xa colaboraron nestas tarefas dende mediados de agosto.

Segundo explicaron Alberto e Nuria o día da presentación deste proxecto, «sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día.» Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza.

Para o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba «con este proxecto se pretende que o espigón continúe a ser un símbolo para a vila da Guarda, traballando nun concepto que represente á xente da Guarda e que sexa tamén unha atracción turística máis, contando para a súa confección coa participación da xente da vila».

Elena Baz, Concelleira de Cultura, clarexa que «A Guarda está viva, A Guarda é moi bonita e abrimos con este proxecto un espazo para que a xente que así o desexe poda participar na súa confección, traballando tamén cos colexios e os nenos e nenas do municipio», todos os interesados poden participar chamando aos teléfonos 646202874 e 627 582 551.

A primeira tarefa foi como concretar e unir, nun lenzo tan apaisado como é o espigón, toda esa posible iconografía e que teña un sentido único, para elo se tomou coma referencia o horizonte, onde o espigón elévase sobre o nivel do mar, decidindo crear un universo, un ceo estrelado onde a historia da vila da Guarda se amose en xeito de constelacións e planetas, empregando unha gama cromática extraída do propio entorno portuario.

A intención inicial dos artistas é a de dividir o espigón en tres espazos, dando cabida ás tres parroquias de A Guarda, Camposancos e Salcidos representando deste xeito o «universo guardés», e onde a parte literaria estará representada cun fragmento do libro «De mar a mar» do poeta Feliciano Rolán.

As diferentes escalas da iconografía non buscan que se vexan perfectamente dende as beiras do paseo ou dende o alto do Monte Santa Trega, senón que a xente teña curiosidade e se achegue ata o espigón para descubrir o que alí se vai plasmando, xerando inquietude, movemento e tamén difusión deste proxecto artístico.

O resultado final, fará que o espigón do Porto da Guarda sexa un museo visual no que os veciños e visitantes da Guarda vexan, recorden e interactúen con boa parte da historia da nosa vila.

Dende mediados de agosto o proxecto «A Guarda escrita nas estrelas» vai collendo forma e son moitos os veciños e visitantes que se achegan ata o Porto para ver estes traballos e interesarse polos diferentes debuxos e figuras que día a día van enchendo de cor e protagonismo ao espigón do Porto da Guarda.

Sobre os artistas Nuvi & éxfico

Ela, a artista Nuria Villa “aka NUVI” ilustra e él, o deseñador gráfico Alberto Brandon “aka éxfico” debuxa tipografías, creando traballos que os teletransportan a unha existencia plena. Despois dunha viaxe reveladora a Xapón en 2014 e como hobby aos seus trabalos de fotografía e deseño para «Petit de la Crème», comparten as súas afeccións nun novo proxecto de forma totalmente manual, crean: A Guarda Souvenir Collection, como pura necesidade de crear souvenirs con paixón que representen o pobo onde viven. Ademais da súa marca de roupa éxfico clothing, comenzan a xurdir todo tipo de traballos para murais, eventos, identidades corporativas… nos que plasman a súa propia personalidade, debuxos cun aire divertido, cun toque naif e perfeccionista, ilustracións combinadas con lettering, onde a mensaxe e os detalles son moi importantes