O novo equipo de goberno opta por unha funcionaria da Xunta para o posto de xerente

Un vicexerente de persoal e outro de economía completarán o equipo
Publicado por o día 16/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

O novo equipo de goberno opta por unha funcionaria da Xunta para o posto de xerente

Cando restan pouco máis de tres semanas para que se celebre o acto de toma de posesión de Pachi Reigosa como novo reitor da Universidade de Vigo, esta tarde se confirmou que será a actual subdirectora de provisión de postos e selección de persoal da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, Raquel Souto García, quen desempeñe o posto de xerente dentro do novo equipo de goberno. “Está preparada, ten experiencia en negociación en temas de persoal e ten o talante axeitado para o noso proxecto de universidade das persoas”, asegura o reitor electo sobre Raquel Souto, que estará acompañada na Xerencia por un vicexerente de persoal e outro e economía, cargos que serán desempeñados por “persoal da casa”, sinala Reigosa.

Nacida en Santiago no ano 1969, Raquel Souto é licenciada en Dereito pola USC. Desempeñou diversos postos na dirección xeral da función pública da Xunta de Galicia e é funcionaria do corpo de xestión e do corpo superior de administración xeral da Xunta, onde na actualidade exerce como subdirectora de provisión de postos e selección de persoal da Consellería de Facenda.

A toma de posesión, o 8 de xuño

O novo equipo de goberno que encabeza Reigosa, que tomará posesión do cargo o vindeiro 8 de xuño nun acto que terá lugar a mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, estará integrado, ademais de pola nova xerente, por seis homes e seis mulleres. A Secretaría Xeral estará ocupada polo profesor titular da Área de Dereito Internacional Privado Miguel Ángel Michinel Álvarez, mentres que Jorge Genaro Soto Carballo, profesor contratado doutor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, ocupará o cargo de vicerreitor do campus de Pontevedra e María Esther de Blas Varela, profesora titular do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo na Facultade de Ciencias, será a vicerreitora do campus de Ourense.

En canto ás vicerreitorías, a de Planificación e Sostibilidade será responsabilidade do catedrático do Departamento de Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos José Luis Míguez Tabarés; da de Comunicación e Relacións Institucionais encargarase a profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Mónica Valderrama Santomé; a de Economía será responsabilidade do director do Departamento de Fundamentos de Análise Económica, José María Martín Moreno; á fronte da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria estará a actual directora da Escola de Enxeñaría de Minas Enerxía, Natalia Caparrini Marín, mentres que a decana da Facultade Ciencias do Mar, Belén Rubio Armesto, ocupará a Vicerreitoría de Investigación.

O equipo de goberno complétase coas vicerreitorías de Ordenación Académica e Profesorado que dirixirá o docente do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías das Comunicacións Manuel Ramos Cabrer; a de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación coa profesora titular na Facultade de Ciencias da Educación María Isabel Doval Ruiz; a de Transferencia coa docente do Departamento de Enxeñaría de Materiais, Mecánica Aplicada e Construción María Consuelo Pérez Vázquez e a Vicerreitoría de Internacionalización co catedrático de Nutrición e Bromatoloxía Jesús Simal Gándara á fronte.