O novo laboratorio de anatomía patolóxica actívase no Hospital Naval do complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

Por o 06/10/2018 | Sección: Sanidad
O novo laboratorio de anatomía patolóxica actívase no Hospital Naval do complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

O novo laboratorio de Anatomía Patolóxica actívase, no segundo andar do Bloque B do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.  Este Laboratorio de Anatomía Patolóxica estaba ata o de agora no andar 1 do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, fronte á entrada principal de Urxencias, e pasa ó seu emprazamento definitivo no Hospital Naval, mellorando considerablemente en metros cadrados, seguridade e equipamento. Esta actuación enmarcábase na Fase 0 do Plan Director, e libéranse así espazos para poder desenvolver as seguintes fases do Plan.

Un dos grandes beneficios desta intervención totalmente nova é que se pasa dunha superficie de traballo de 250 metros cadrados a 850 metros cadrados útiles; e melloran considerablemente as condicións de traballo dos e das profesionais. Esta obra supuxo un investimento de 1.088.499,30 euros co IVE incluído; e implicou dividir a área de actuación en dúas zonas, dous corredores lonxitudinais de comunicación; por unha banda, unha área administrativa que aloxa os despachos e a sala de persoal, e por outra onde se establecen os laboratorios compartimentados por zonas de traballo, cunha distribución máis racional das áreas. Ademais, conta tamén cun bloque central para zona de persoal e almacéns, onde se aglutinan tódolos almacéns dispoñibles, cun almacén específico de mostras; e un sistema de almacenamento con caixóns de control materiais, denominado sistema Kanban.

Máis seguridade e mellor equipamento
Unha cuestión clave que destacan dende o Servizo é o significativo incremento da seguridade, xa que as mostras se manexan en mellores condicións seguindo os estándares establecidos  De xeito paralelo, íllanse os espazos de traballo e se inclúen sistemas de presión negativa e dobre porta. Por outra banda, as instalacións de ar, luz, calefacción, e auga son totalmente novas cun sistema lumínico de aforro enerxético.

Outra das grandes achegas é que aumenta o equipamento, tanto por renovación do antigo, como por incorporación de novo, como é dúas novas mesas de tallado, outra nova estación de bloques de parafina; outro tinguidor e montador; e un procesador de tecidos que pode facer o traballo en tempos máis curtos. Renóvase igualmente a maior parte da microscopía. Produciuse un investimento só en equipamento de 425.050 euros. Entre as vantaxes operativas figura un cambio nas dinámicas e técnicas de traballo como que se realizará a técnica de punción e aspiración no mesmo laboratorio, sen ter que se desprazar ós profesionais ós servizos correspondentes.

O laboratorio de Anatomía Patolóxica -que dirixe o especialista en Anatomía Patolóxica, Juan Carlos Álvarez Fernández- é un servizo central a disposición de toda a área, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde. Traballan nel un total de 21 profesionais entre Facultativos, Técnicos de Anatomía Patolóxica, Auxiliares administrativos e Celadores. Ocúpase do estudo de biopsias e citoloxías, e de tódalas pezas cirúrxicas que se extirpan. Na área ferrolá, realízanse unhas 22.000 mostras de biopsias e unhas 17.000 citoloxías ó ano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.