O novo parque de Santa Teresa de Jesús Jornet comeza a tomar forma coa instalación dunha varanda perimetral, oito bancos e dúas cadeiras

O proxecto, no que Medio Natural investirá máis de 40.000 euros, continúa adiante cunha limpeza exhaustiva con auga a presión, a renovación de papeleiras e a instalación de rego automático
Publicado por o día 11/02/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

O novo parque de Santa Teresa de Jesús Jornet comeza a tomar forma coa instalación dunha varanda perimetral, oito bancos e dúas cadeiras

O novo parque da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet comeza a tomar forma despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, iniciase o acondicionamento das zonas verdes da contorna e instalase unha varanda perimetral, oito bancos e dúas cadeiras. O proxecto, que suporá un investimento global de máis de 40.000 euros, continuará adiante coa reposición de diversas papeleiras en estado de deterioro, unha limpeza en profundidade con auga a presión e a colocación dun sistema de rego automático.

Segundo avanza Iván Puentes, “unha vez que melloren as condicións meteorolóxicas, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns acometerá as obras de impermeabilización do parque, así como o seu pintado a base de bandas de diferentes cores de tonalidades harmónicas”. “A posta en valor deste espazo, que permitirá que os veciños de Pontevedra Leste conten antes do verán cun parque totalmente renovado, rematarase co acondicionamento das zonas verdes e a mellora paisaxística da praza”, afirma o edil do PSOE.

O plan impulsado por Medio Natural permitirá dotar a área de esparexemento de Santa Teresa de Jesús Jornet dun novo axardinamento e aplicar pintura antiesvarante no pavimento, optimizando as condicións de impermeabilización e a asegurándose todo perímetro coa colocación de varandas. O proxecto de humanización e renovación paisaxística foi contratado á firma Jara Jardinería Calvarro SL e traducirase nunha mellora e acondicionamento integral dos espazos públicos neste barrio.

As actuacións permitirán mellorar as condicións de confort da zona mediante a renovación do mobiliario existente, levar a cabo unha renovación completa dos xardíns que rodean a praza e dotalos dun sistema de rego por goteo que permita mantelos en perfecto estado cun aforro no emprego de auga. As obras contemplan un novo axardinamento coa incorporación dunha composición de especies arbustivas e tapizantes cunha variada gama de flores de diferentes cores ao longo das catro estacións.

Incorporarase algunha árbore singular

Tódolos parterres contarán cunha malla antiherbas coa finalidade de reducir e facilitar as labores de mantemento das zonas verdes. Asemade, respectarase o estrato arbóreo dos xardíns e potenciarase coa incorporación dalgunha árbore singular.

No que atinxe á praza en si, realizouse unha mellora do mobiliario e optimizarase o aspecto xeral da mesma, mediante o pintado en varias cores de gamas harmónicas, cunha pintura antiesvarante acaída para pavimentos. O proxecto coordinado dende o Servizo Municipal de Parques e Xardíns prevé a reposición do pavimento, a instalación dunha tubaría de polietileno e dunha mangueira de goteo e a súa conexión á rede.

Entre as flores, arbustos e plantas que se empregarán para o axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes: agapantos, hedras, cotoneaster, hebes, berberis, loropétalos, olivillas, buxos xaponeses, boneteiros, azaleas e plantas espello, ademais dalgunha árbore de carácter singular.

Comentar noticia

Your email address will not be published.