O núcleo de Pazos di adeus ás fochancas e estrea pavimentación integral

O Concello acondiciona a rede de camiños dun dos pobos máis densamente habitados de Ponte Caldelas
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O núcleo de Pazos di adeus ás fochancas e estrea pavimentación integral

As máquinas chegaron ao núcleo de Pazos, un dos máis habitados de Ponte Caldelas, para pavimentar a súa extensa rede de camiños, que dá servizo a ducias de vivendas. Os traballos comezaron esta mesma mañá e prolongaranse aínda un par de días.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) adxudicou dous contratos de pavimentación integral de camiños rurais cun tipo de licitación que ascende a 400.000 euros. As obras van avanzando segundo o previsto e esta mañá tocoulle a Pazos, onde a veciñanza levaba anos esixindo unha reparación integral.

As actuacións inclúen o varrido e limpeza de toda a superficie, fresado onde é necesario e pavimentación en aglomerado en quente, con 5 centímetros de grosor na práctica totalidade dos camiños, tanto na parte alta como na parte baixa. Non obstante, hai un par de camiños tan estreitos que será necesario resolvelos con firme de formigón.

En total vanse pavimentar uns 3.000 metros cadrados de superficie, dos que 2.500 quedarán con asfalto e uns 500 con formigón, incluíndo a recolocación de tódalas tapas de rexistro de augas pluviais e servizos.

As obras de pavimentación integral están financiadas con fondos propios do Concello e tamén co Plan Concellos 2019, que outorga a Deputación. Ponte Caldelas foi quen de ter xa adxudicadas a totalidade das obras desta anualidade. Gracias a elo estanse a reparar camiños situados en Silvoso de Arriba, Silvoso de Abaixo, Baltar, Coveliño, Forzáns de Arriba, Forzáns de Abaixo, O Coto (Caritel), Laxoso de Abaixo, O Lombo (Cuñas), Avecil (Cuñas), Santa Ana (Buchabade), Taboadelo, Rebordelo, A Esfarrapada, Tourón, O Sobreiro (Xustáns) e Pazos.