O núcleo do Piñeiro, en Forzáns, xa conta cun acceso do século XXI

O Concello remata as complicadas obras para ampliar e consolidar a pista que comunica media ducia de vivendas
Por o 10/10/2018 | Sección: Galicia,Ponte Caldelas
O núcleo do Piñeiro, en Forzáns, xa conta cun acceso do século XXI

A veciñanza do lugar do Piñeiro, na parroquia caldelá de Forzáns, entrou no século XXI no que atinxe aos servizos municipais. O Concello, despois de moitas décadas de abandono a este lugar, composto por media ducia de casas, habilitou un acceso digno nunha obra que mereceu eloxios unánimes.

O Goberno local (PSdeG-PSOE) converteu os 300 metros dunha estreita e escorregadiza corredoira, pola que mesmo era difícil subir a pé, nun acceso con firme de formigón e uns 3 metros de anchura rematado cun fermoso muro de contención de pedra. A beleza da paisaxe neste lugar fai o resto.

Durante as obras tamén quedaron canalizadas as augas pluviais, que baixaban descontroladas nos días de choiva.

O acceso ao Piñeiro mesmo carecía de iluminación, toda vez que o cable tiña sido roubado e non se repuxera, acentuando a sensación de marxinalidade. Agora todos estes problemas quedan definitivamente solucionados, o que vai supoñer un aliciente para a revitalización da zona, pois algúns propietarios teñen intención de rehabilitar as súas vivendas.

Os residentes nesta zona destacaron que as súas reivindicacións nunca foran atendidas ata agora e lembraron que tiñan que subir a pé, coas bolsas da compra, ou mesmo cargando os mobles ao lombo en caso de mudanza. Pero todo iso rematou, recalcan dende o Goberno local, que cualifica esta obra como “un acto de xustiza co rural”.

O equipo municipal agradece a colaboración dos veciños, que implicáronse persoalmente e cederon os terreos necesarios para gañar a anchura necesaria para permitir o paso dos vehículos.

O resultado final do camiño ao Piñeiro está a merecer moitas felicitacións por parte da veciñanza e mesmo a empresa que realizou o muro está a recibir encargos particulares na propia parroquia de Forzáns en recoñecemento ao bo traballo realizado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.