O ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ pecha temporada con preto de 5.000 participantes e máis de 330.000 euros de impacto

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, estase a consolidar como un referente na oferta turística outonal galega e contou na última edición coa participación de preto de 90 casas rurais das catro provincias galegas
Publicado por o día 20/01/2019 na sección de Turismo

O ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ pecha temporada con preto de 5.000 participantes e máis de 330.000 euros de impacto

A 12ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural –a proposta levada a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo que contribúe a atraer visitantes ás contornas rurais galegas tamén fóra de tempada alta– pechou coa participación de 4.820 persoas que optaron pola combinación de experiencias gastronómicas coa estancia en establecementos rurais. Así, con este balance, esta proposta turística foi elixida xa por máis de 64.000 persoas que participaron en parella, en familia ou con amigos nos 12 anos que leva en marcha.

A edición deste ano contou con 86 casas rurais nas catro provincias, das que 25 eran establecementos da provincia de Pontevedra, 23 da Coruña, 19 de Ourense e 19 de Lugo. Cunha cualificación de 4,7 sobre 5, os responsables destes negocios valoran como moi satisfactoria a súa experiencia e nove de cada dez repetiría en próximas campañas para axudar a atraer visitantes fóra da tempada alta. Ademais, a campaña deste ano tamén pechou cuns resultados económicos estimados que superaron os 330.000 euros de ingresos para o total de establecementos participantes.

O Outono Gastronómico en Turismo Rural desenvolveuse entre os meses de setembro e decembro con dous menús diferentes deseñados especificamente. Propuxéronse as modalidades Menú Outono Gastronómico –sen pasar a noite–, Paquete Outono Gastronómico para unha noite, Fin de semana Outono Gastronómico para dúas noites e Fin de semana familiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos.

Amais da elevada participación da última edición, tamén destacou o incremento do seu impacto en internet e nas redes sociais. Do seguimento realizado sobre esta campaña on line dedúcese que as interaccións –as visitas á web do 12º Outono gastronómico e participación a través de redes sociais– aumentaron un 30% respecto á campaña anterior.

Crecemento dun 14% no turismo rural

O Outono Gastronómico en Turismo Rural está a contribuír a afondar na desestacionalización do destino, na que se traballa da man da Estratexia do Turismo de Galicia 2020. Así o constatan os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que revelan que só no mes de novembro este segmento turístico experimentou unha notable evolución, cun aumento no número de viaxeiros do 13,6%.