O Parlamento aproba a iniciativa de En Marea para que a Xunta adopte un “papel activo de mediación” no conflito laboral do sector e elaborados do mar

A iniciativa defendida pola deputada Paula Quinteiro foi aprobada por unanimidade no punto no que se pedía a implicación do Goberno galego para que as traballadoras e patronal Conxemar acaden un acordo nun convenio colectivo que mellore os salarios, a calidade de emprego, as condicións de traballo, reduza a temporalidade e reforce a supervisión da subcontratación
Publicado por o día 07/11/2018 na sección de En Marea,Política

O Parlamento aproba a iniciativa de En Marea para que a Xunta adopte un “papel activo de mediación” no conflito laboral do sector e elaborados do mar

O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do grupo En Marea na que se instaba á Xunta de Galicia a: “Actuar no conflito laboral do sector de elaborados do mar a través da Consellería competente, que debe adoptar un papel activo de mediación entre a representación legal das traballadoras e a patronal Conxemar para acadar un acordo nun convenio colectivo que mellore os salarios, a calidade do emprego, as condicións de traballo, reduza a temporalidade e reforce a supervisión da subcontratación”.

A deputada de En Marea, Paula Quinteiro, defendeu  onte no pleno esta iniciativa e lembrou que se trata dun sector estratéxico, fortemente feminizado, no que as traballadoras levan tempo vendo como as súas condicións laborais van empeorando.

Como parecía previsible hai dúas semanas as negociacións continúan bloqueadas como informou Paula Quinteiro e todo a pesar do anuncio que podía facer pensar que a patronal cambiara de actitude, “o certo é que non” senón que o que fixeron foi engadir máis tensión a situación.

Na súa intervención, Quinteiro aproveitou a ocasión para condenar a violencia policial que se viviu na xornada de folga do 31 de Outubro, nas portas de Cabomar, en Marín. “É inadmisible que nunha folga que se desenvolveu en todo momento sen ningún tipo de violencia por parte dos piquetes, aparecera un despregue policial  totalmente desproporcionado, que rematou con agresións a varias traballadoras. É inaceptable que mulleres concentradas de maneira pacífica teñan que ser trasladadas ao hospital por culpa das cargas policiais. Cando o único que facían era defender os seus dereitos” declarou a deputada de En Marea.

As peticións destas traballadoras é clara e sinxela que se desbloquee a negociación do convenio colectivo para poder rematar coa precariedade laboral que padecen, unha esixencia compartida polo grupo parlamentario de En Marea “porque a situación que viven estas traballadoras non admite demora”. Así, entre outras cuestións apuntou á necesidade de rematar coa temporalidade. “No sector do que falamos hoxe o abuso das subcontratacións a través de empresas de traballo temporal e de empresas multiservicios é tan masivo que demasiadas veces a porcentaxe deste tipo de contratación é moi superior que a do persoal estable da equipa de traballadoras” explicou Paula Quinteiro. Una actuación que a única finalidade que ten é abaratar despedimentos, salario e reducir dereitos.

Ademais, contan cun dos peores convenios de todo o ámbito da alimentación, con salarios de miseria, moitas non cobran nin sequera 800 euros o mes. Con xornadas excesivas, nun túnel de frío, con humidade, sen cobrar ningún plus como o de refrixeración “e con realidades tan absurdas e inaceptables como que os 15 minutos de descanso para un bocadillo descóntanselle do salario anualmente” engadiu a deputada de En Marea.

“Non é posible chegar a fin de mes, pagar as facturas, a comida, o aluguer ou a hipoteca, con menos de 800 euros o mes. Non é posible conciliar coas limitacións e as trabas que teñen estas mulleres. Temos unha lei de igualdade, temos un plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, e como se traduce isto na realidade? Conciliar debera ser un dereito. Poder coidar non é un privilexio” incidiu Quinteiro.

Por este motivo, o grupo parlamentario levou á Cámara galega esta iniciativa reclamando unha intervención decidida por parte do goberno galego e asumir a responsabilidade que teñen. Unha petición que foi apoiada finalmente por todos os grupos parlamentarios na sesión plenaria de hoxe.