O parlamento aproba a lei que permite ao goberno galego utilizar os 125 millóns do superávit de 2018 en ensino, sanidade e servizos sociais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei que permite ao Goberno galego utilizar 125 millóns do superávit de 2018 para reducir o endebedamento, aforrar gastos financeiros e financiar investimentos en sanidade, educación, servizos sociais e no medio rural.
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Partido Popular,Política

O parlamento aproba a lei que permite ao goberno galego utilizar os 125 millóns do superávit de 2018 en ensino, sanidade e servizos sociais

O viceportavoz popular, Miguel Tellado, criticou que coa súa negativa a apoiar esta iniciativa lexislativa a oposición “ponse de costas a Galicia, instalándose no obstrucionismo absoluto co único obxectivo de poñer paos na roda da Xunta”.

 

Miguel Tellado afirmou que con esta lei “queremos devolverlle aos galegos o que lle corresponde” e anotou que “queremos mellorar a vida da xente e facelo xa, porque hai recursos para facelo”. “Son actuacións prioritarias, priorizadas e planificadas que agora contan con recursos para que o Goberno galego as leve adiante”, indicou.

 

GALICIA TIÑA RAZÓN

 

Na súa intervención, o viceportavoz popular concretou que esta lei “reduce o endebedamento de Galicia, para que siga sendo a comunidade autónoma líder en control da débeda; aforra gastos financeiros, porque con menos débeda pagaremos menos tipos de xuro; e permitirá financiar investimentos en sanidade, educación, servizos sociais e no medio rural”. Así, apuntou que está previsto que con este superávit se financien 200 novas prazas para médicos e persoal de enfermería, melloras en 19 centros de saúde ou realizar obras en instalacións de 40 colexios ou institutos, todas elas xa previstas no Plan de Infraestruturas Educativas 2016-2020 da Xunta”.

 

Tellado subliñou que “Galicia tiña razón” porque “primeiro obrigamos ao Goberno central a rectificar sobre a utilización do superávit, que non aparecía no proxecto de orzamentos presentado e non aprobado para 2019, e agora seguimos sen ter noticias do Goberno socialista”. Ademais, asegurou que “se gobernasen os socialistas non habería este debate porque non habería superávit, xa que son a imaxe real do déficit e o endebedamento”.

 

ÚTIL PARA OS GALEGOS

 

“O superávit de Galicia ten que ser útil para os galegos, non para pagar os desmáns doutras comunidades autónomas que incumpren as regras de xeito reiterado”, manifestou o viceportavoz popular, quen demandou que “Galicia non pode ser penalizada por facer ben o seu traballo, cumprindo ano tras ano as regras fiscais”.

 

Miguel Tellado criticou que coa súa negativa a apoiar esta lei a oposición “se poña unha vez máis de costas a Galicia, como cando criticaron á Xunta por reclamar a mensualidade do IVE, estean calados coas entregas a conta que se lle adebedan a Galicia, nin tampouco digan nada do incentivo para as comunidades cumpridoras”. “En total, estamos falando de 825 millóns de euros que son de Galicia e aos que o Goberno do Estado ten que dar unha resposta”, indicou.