O Parlamento aproba a proposta do PSdeG-PSOE para pedirlle á Xunta as queixas por discriminación lingüística

Por o 09/05/2019 | Sección: Política,PSOE
O Parlamento aproba a proposta do PSdeG-PSOE para pedirlle á Xunta as queixas por discriminación lingüística

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa socialista para pedirlle á Xunta un informe sobre as denuncias ou queixas por dificultades no uso do galego e do castelán na administración pública que opera en Galicia. A proposición non de Lei foi presentada pola portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Concepción Burgo, que sinalou a importancia desta información “necesaria para a convivencia de ambas linguas”.

A proposta reclámalle ademais ao goberno galego que expoña a resposta que lles ten ofrecido e “no seu caso, as medidas adoptadas para reparar a vulneración do dereito dos cidadáns á libre elección de lingua”.

A parlamentaria socialista sinalou que “a libre elección de idioma é unha garantía de democracia, liberdade e pluralismo” e lembroulle ao Goberno Galego que “estas garantías non sempre se compren”. Burgo sinalou a situación de discriminación que está a sufrir o galego e lembrou que “o Goberno non quere asumir esta situación aínda que a carta de dereitos da lingua recolla a situación de discriminación da nosa lingua.”

Burgo recalcou que “os datos das queixas ou suxestións dos cidadáns nunca son ofertados pola Secretaría de Política Lingüística”. Sinalou que “os datos ofertados por organizacións como a Mesa pola Normalización recoñecen unha media de 300 queixas ao ano que sinalan a situación de discriminación do galego tanto no ámbito oral coma no escrito, das cales un 45 por cento fan referencia á administración autonómica”.

A representante socialista sinalou que “no tramo 2014-2017 a Secretaría de Política Lingüística só recoñece 122 queixas na administración” o que representa as “nulas facilidades que propón o Goberno galego” para tramitar estas protestas. Sinalou que “estes datos son para coñecer e poder garantir a igualdade e ambas as linguas no territorio galego”.

Burgo acusou ao Goberno de renuncia a poñer en marcha un Plan de sensibilización tanto do galego coma do castelán “cando noutras Comunidades Autónomas como o País Vasco xa se está a facer”. Sinalou que “o problema lingüístico en Galicia non é o castelán cando a maioría das queixas e reclamacións presentadas fan referencia a discriminación do galego”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, no prazo máximo de tres meses, elabore e presente en sede parlamentaria un informe no que se detalle o número de denuncias ou queixas presentadas nos últimos seis anos ante os servizos competentes por dificultar o uso dalgunha das linguas oficiais de Galicia por parte de administracións ou entidades públicas situadas en Galicia, incluídos os órganos xudiciais, e das empresas e servizos privados, o tipo de resposta ofrecido e, no seu caso, as medidas adoptadas para reparar a vulneración do dereito dos cidadáns á libre elección de lingua”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.