O Parlamento aproba a proposta socialista para esixirlle á Xunta que cubra as vacantes dos gardapeiraos nos portos de Burela e Celeiro

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG para esixirlle á Xunta que cubra as vacantes dos gardapeiraos asignados aos portos de Burela e Celeiro. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, explicou que o procedemento para contratar aos 5 gardas que teñen asignado cada un dos portos comezou en xaneiro de 2020 e aínda non rematou.

Otero explicou que estes portos tan só teñen “3 ou 4” profesionais encargados das tarefas de gardapeiraos, que pasan polos controis de acceso, o control da circulación de vehículos e embarcacións. Estes traballadores deben ademais “velar pola seguridade dos empregados, usuarios, pasaxeiros e as mercadorías”, en virtude das novas atribucións asignadas pola Lei de Portos aprobada polo PP en solitario en 2017, que “lles engade o papel de axentes de seguridade”.

A responsable socialista trasladoulle hoxe ao goberno galego as demandas dos usuarios de dous dos portos máis importantes dos que xestiona Portos de Galicia, que asumen actividade pesqueira, tráfico de mercadorías e náutica de recreo. Actualmente “non se dota de persoal, non cobren as vacantes e os usuarios séntense indefensos, mentres Portos segue a cobrarlle as taxas aos armadores, ás lanchas recreativas e a tódolos usuarios destes portos”.

A escaseza destes profesionais nos portos de titularidade autonómica, continuou, provoca “riscos de roubos en determinados portos galegos, como sucedeu no de Ribeira, polo que continuamente están a denunciar falla de persoal e indefensión dos usuarios”.

Cumprimento

Patricia Otero esixiulle ao goberno galego que cumpra co mandato parlamentario, e advertiu que o propio portavoz do PP anunciara que o procedemento remataría “no primeiro semestre do ano”, co que, augurou a parlamentaria socialista, “estámonos situando como mínimo no mes de xuño para iniciar un procedemento aberto en xaneiro de 2020”.

Sinalou que “o importante é executar os compromisos, porque o demais será votar e non facer nada”, e puxo como exemplo as votacións a favor das dragaxes na Mariña, como é o caso do porto de Tupide, en Foz. Neste caso concreto, explicou, despois de ter aprobado unha iniciativa e da visita da presidenta de Portos in situ para anunciar que o tema estaba resolto, “atopámonos con que nos orzamentos deste ano hai 0 euros para facer a dragaxe”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que restitúa o servizo de gardamuelles con todos os profesionais que sobre o papel teñen asignados os portos da Mariña lucense de competencia autonómica”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM