O Parlamento aproba por unanimidade unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para mudar o Plan de xestión do xeito e aumentar a súa cota

Xan Xove trasladou a necesidade de que se incrementen as posibilidades de pesca para o sector para mellorar a economía das embarcacións dependentes del.
Publicado por o día 05/02/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Parlamento aproba por unanimidade unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para mudar o Plan de xestión do xeito e aumentar a súa cota

Esta mañá foi aprobada por unanimidade no Pleno do Parlamento unha iniciativa presentada polo Grupo Común da Esquerda encamiñada a protexer a arte pesqueira do xeito, que se atopa na actualidade nunha preocupante situación na que periga a súa supervivencia. A proposta foi presentada durante a sesión plenaria de onte pola tarde por Xan Xove, que celebrou o apoio de todos os grupos á mesma como unha “gran noticia para o sector do xeito e unha oportunidade para o seu futuro”.

O xeito, unha arte de pesca tradicional e sustentable, emprégase unicamente nas Rías galegas e na súa gran maioría para a captura da sardiña, especie que está actualmente xestionada polo Plan de Gestión y Recuperación de la Sardina Ibérica, asinado en 2018 pola ministra popular Isabel García Tejerina logo dun acordo entre o Estado español e Portugal. “Desgraciadamente, o Plan recolle que o 70% das capturas permitidas as xestiona e pesca Portugal, o que deixou ao Estado Español en 2019 con 3.571 toneladas, das cales 1.480 foron para Galicia”, expuxo Xove. Desta cantidade, só un 2,57% se reserva para o xeito, o que equivale a 65,03 toneladas do total de 10.800 que se capturan na Península. Con posterioridade, ampliouse ata as 109 toneladas, unha suma que segue a supoñer tan só un 1% do total. “Esta cantidade é, a todas luces, insuficiente para as máis de 400 embarcacións que teñen licenza para esta arte”, argumentou Xan Xove.

A iniciativa do Grupo Común da Esquerda propuña a creación, mediante a coxestión co sector, dun Plan de xestión da sardiña do xeito nas augas interiores das Rías, sobre as que a Xunta ten competencias, tal como recollen o Estatuto e a Lei de Pesca de 2008, que non está a exercer con plena capacidade. A posibilidade de exercelas a raíz da modificación do Plan é, para Xove “unha noticia esperanzadora para o futuro do sector”. Por este motivo, celebrou o “cambio de rumbo do PP”, que nos últimos anos “negou sistematicamente a posibilidade desa xestión das augas anteriores”. “Con isto demostramos que é posible e necesario”, engadiu.

O Plan proposto iría encamiñado a apoiar e divulgar a arte do xeito, incluíndo medidas que garantisen a sustentabilidade económica do sector, biolóxica do recurso e manter tamén o seu valor cultural. Así mesmo, procuraría reverter a situación “de franca deriva cara a súa desaparición forzada pola situación de indefensión e precariedade” que sofre o xeito, segundo explicou Xan Xove, xa que o número de embarcacións está a diminuír ano tras ano e tamén a cantidade pescada, que foi en 2019 case a metade que en 2017. “A situación do sector é moi preocupante, e a causa principal é a insuficiente cota de pesca reservada para unha arte que debería ser convenientemente protexida e valorada pola súa sustentabilidade”, engadiu.

Xove acusou a Xunta de Galicia de non ter actuado ante esta problemática e de terse limitado a “xestionar a miseria”, xa que o Plan galego de xestión do xeito aprobado o pasado ano non cuestionaba as bases do Plan estatal aprobado naquela altura polo Partido Popular. A cota establecida polo Plan galego, de 30 quilos, foi rebaixada por moitos pescadores aos 20 de forma voluntaria, situación inusitada que tamén explicou Xove na súa intervención: “a cota é tan pequena que teñen a lóxica e fonda preocupación de que esta se esgote nos meses onde o produto ten un valor case irrisorio nas lonxas. Tal é así, que son moitas as embarcacións que deciden, directamente, non saír faenar neses meses”.

O deputado tamén cualificou o Plan de xestión da sardiña coa arte do xeito para 2020, publicado a semana pasada por parte da Xunta, como “un parche que non achega ningunha solución ao problema de fondo”, xa que fixa un máximo para o primeiro trimestre do ano de unicamente catro toneladas en total, e celebrou despois o “cambio de opinión” do Partido Popular á hora de expresaren o seu voto favorable á iniciativa do Grupo Común da Esquerda e polo tanto a disposición a modificar o Plan.

Comentar noticia

Your email address will not be published.