O Parlamento aproba unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para que a Xunta faga efectivas as recomendacións do CES

Julia Torregrosa defendeu a necesidade de que o goberno galego estea máis atento aos indicadores negativos, faga autocrítica e deixe de botar balóns fóra.
Publicado por o día 24/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O Parlamento aproba unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para que a Xunta faga efectivas as recomendacións do CES

A Comisión de Economía do Parlamento deu luz verde este venres por unanimidade a unha Proposición Non de Lei do Grupo Común da Esquerda para que a Xunta de Galicia faga efectivas as recomendacións do Consello Económico e Social (CES) recollidas na súa memoria do ano 2018. A deputada Julia Torregrosa defendeu a iniciativa sinalando que o goberno galego “debería estar máis atento aos indicadores negativos e facer autocrítica. Discrepamos coa visión que ten o PP de cara onde vai a economía galega, non poden estar sempre botando balóns fóra”. Como exemplo, apuntou que o terceiro trimestre de 2019 foi tamén o terceiro consecutivo no que a economía galega medrou por debaixo da media do conxunto do Estado.

Torregrosa indicou que “é fundamental que a Xunta teña máis en conta os consellos do CES”. Este organismo, ademais de facer unha análise da desaceleración da economía galega e dos riscos que pode haber pola falta de investimento estranxeiro e a importancia que ten cada vez máis o gasto público e o consumo interno sobre o PIB, considera que habería que facer unha serie de cambios na xestión da economía galega. Entre eses cambios destacan fomentar o emprego de calidade, evitar a temporalidade, ou avanzar na conciliación e na creación de novos modelos produtivos. “Para isto, é báisco o investimento en I+D+i, en novas tecnoloxías e dixitalización, e traballar para crear un modelo produtivo adecuado aos nosos tempos, apoiando unha economía verde cun modelo circular”, apuntou a deputada.

Na súa memoria do 2018, o CES advirte, entre outros aspectos, de que a recuperación do PIB non se está a reflexar na mellora das retribucións dos traballadores na mesma dimensión, nin está a ser suficiente para frear a fonda crise demográfica que atravesa Galicia, moito máis intensa que no resto do Estado. Fronte a estes problemas “é importante poñer en marcha e aplicar os principios que sinala o CES dende a Xunta porque cremos que van dinamizar a economía galega”, concluíu Julia Torregrosa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.