O Parlamento aproba unha proposta do PSdeG-PSOE para esixirlle á Xunta atención á soidade non desexada

Por o 25/06/2019 | Sección: Política,PSOE
O Parlamento aproba unha proposta do PSdeG-PSOE para esixirlle á Xunta atención á soidade non desexada
Compartir en:

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha moción presentada polo Grupo Socialista para esixirlle á Xunta que poña en marcha unha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada en Galicia. A portavoz de Política Social, Noela Blanco, sinalou un problema que afecta sobre todo ás persoas maiores e principalmente a mulleres, con preto de 20.000 mulleres de máis de 85 anos vivindo soas en Galicia.

Blanco urxiu ao Executivo autonómico a encetar unha resposta integral a este fenómeno en colaboración coa Fegamp, o Goberno de España e o chamado terceiro sector, en base ás conclusións dun informe previo que permita dimensionar o problema incluíndo un censo de persoas maiores que vivan soas en Galicia. A responsable socialista reivindicou un “coñecemento máis profundo” que permita saldar a “débeda social que temos cos nosos maiores”.

A parlamentaria socialista reclamoulle ao goberno galego que atenda a esta situación, precisamente cando Galicia é a quinta Comunidade Autónoma que menos dedica a gasto público por dependente, a Xunta é o goberno autonómico que menos recursos achegou para financiar as axudas á Dependencia.

Censurou o “desleixo” do goberno galego, que só é capaz de ofrecer “recursos low cost”, como cualificou á potenciación da axuda no fogar e teleasistencia, para unha das autonomías coa taxa de envellecemento máis elevadas do Estado. O goberno galego segue mantendo sen embargo unha taxa de prazas residenciais por habitante de apenas o 3,05 por cento, moi inferior ao 4,02 da media estatal e do 5 por cento que esixe a OMS.

Noela Blanco advertiu que o número de fogares unipersoais creceu en Galicia en máis do 11 por cento nos últimos cinco anos, de acordo cos datos do INE, unha situación que afecta fundamentalmente ás persoas maiores. As causas da soidade non desexada, dixo, derivan das dificultades de adaptación á xubilación, circunstancias familiares adversas, desvinculación social, perda de redes sociais e comunitarias ou problemas de saúde.

Entre as alarmantes consecuencias deste fenómeno sinalou a situación de persoas que deixan de comer, que padecen severas depresións provocadas polo illamento social, o elevado risco de padecer agresións ou roubos, ou mesmo casos de maltrato ou abandono. A responsable socialista citou o informe do fiscal superior de Galicia, que falou do papel dos fiscais ao garantir os dereitos económicos, de dignidade e sanitarios dos maiores.

Blanco subliñou que “non é moral nin politicamente aceptable que haxa persoas que estean mortas dous meses na súa casa e que ninguén as bote de menos”, e lembrou así “casos nos que ninguén sospeitou nada ata que o diñeiro da conta na que a persoa que tiña domiciliado o pago do aluguer quedou sen fondos”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

Elaborar, durante a X Lexislatura, e en colaboración coa Fegamp, un informe que permita dimensionar o impacto do fenómeno da soidade en Galicia.

a) Dito documento conterá un censo de persoas maiores que viven soas en Galicia.

b) Tendo en conta os resultados deste informe, e en colaboración coa Fegamp, o Goberno de España, e a participación do terceiro sector, elaborar de maneira urxente unha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada en Galicia, que aborde de forma integral este fenómeno”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.