O Parlamento aproba unha proposta socialista para favorecer a calidade arquitectónica nas novas construcións en solo rural ou rústico

Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Política,PSOE

O Parlamento aproba unha proposta socialista para favorecer a calidade arquitectónica nas novas construcións en solo rural ou rústico

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa socialista dirixida a favorecer a calidade arquitectónica nas novas construcións en solo rural ou rústico. A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, presentou esta proposición non de Lei dirixida a desenvolver as excepcións previstas na propia Lei do Solo de Galicia, que abre a posibilidade de permitir intervencións en función da súa calidade.

Pierres explicou que a normativa obriga a respectar os materiais, cores e acabados en función da paisaxe rural e as construcións do entorno, pero permite “outras propostas que se xustifiquen pola súa calidade arquitectónica”. Ao deixar sen desenvolver estas excepcións, explicou, os arquitectos municipais néganse a admitir proxectos que saian da norma porque “entenden que non poden outorgar de forma unipersoal calidade arquitectónica a unhas obras si e outras non”.

A responsable socialista sinala que os propios arquitectos municipais “entenden que debera existir unha comisión evaluadora ou calquera outro mecanismo para emitir informes de excepcionalidade ao cumprimento das normas e baseadas na especial calidade das obras”. Sinala que o “exceso normativo e regulatorio” ten provocado “un abuso da reprodución que é francamente preocupante”.

Puxo como exemplo que “coa normativa actual arquitecturas como a fachada da propia Catedral de Santiago non sería factible, a arquitectura de Antonio Palacios en Porriño, a de Alejandro de la Sota ou Vázquez Molezún non serían posibles”. A realidade é que, dixo, “a falla de calidade arquitectónica dunha vivenda non a discute ninguén sempre que asuma unha cor, un material e unha morfoloxía, pero a calidade extraordinaria é algo que se rexeita como un problema a evitar”.

Defendeu ás arquitecturas “que aposten por aportar novas interpretacións dos materiais, novas volumetrías ou novas composicións”, porque “Galicia merece a oportunidade de enriquecer o seu patrimonio”. Puxo como exemplo “vivendas que contemplan solucións especiais como unha cuberta axardinada, ou para que nunha terra de ceos grises, néboas grises e augas que reflicten ás nubes grises non se impida usar un material como o zinc”.

María Pierres reivindicou “altura de miras” para “darlle a oportunidade a todos os galegos e galegas a facer as cousas non só cumprindo mínimos, senón aspirando aos máximos”, porque “Galicia merece facer as cousas non só ben, senón mellor”.