O Parlamento aproba unha proposta socialista para reclamar unha “inspección urxente” sobre as irregularidades da residencia de maiores de Trives

Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Política,PSOE

O Parlamento aproba unha proposta socialista para reclamar unha “inspección urxente” sobre as irregularidades da residencia de maiores de Trives

A Comisión de Política Social do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamar “unha inspección urxente” do goberno galego diante das irregularidades e deficiencias denunciadas na Residencia de Maiores de Trives –Ourense-. A portavoz de Política Social, Noela Blanco, presentou esta iniciativa para esixir “darlle aos nosos maiores os recursos que precisan e merecen”.

Logo do debate da iniciativa, a responsable socialista esixiulle ao goberno galego que “non metan nun caixón o expediente sancionador” aberto contra a xestión do centro.  Lembrou as denuncias contra o “incumprimento flagrante” dos mínimos legais de persoal de atención a maiores no Centro, que non conta con presenza localizada de persoal médico e presenza física de ATS ou DUE  as 24 horas, como vén de denunciar o Grupo Socialista no Parlamento.

A deputada lembrou que as ratios de persoal determinan unha ratio de 0,20 traballadores a xornada completa por cada residente con autonomía e de 0,35 por cada residente dependente. O centro incumpre estas ratios ao ter unicamente unha auxiliar clínica e unha axudante da auxiliar para levantar, asear, dar de comer e a medicación a 60 persoas, moitas con mobilidade reducida.

A situación do Centro de Maiores de Trives “non é un caso illado, é xeneralizado, dio tamén o Consello de Contas” dixo a parlamentaria en referencia ao informe publicado en xuño de 2018 relativo a fiscalización do gasto en atención residencial a persoas maiores e dependentes en Galicia.

Blanco denunciou que “dende a chegada de Feijóo, hai mais de 9 anos, puxéronse en marcha cero residencias de maiores públicas de xestión pública”, que “segundo o informe IMSERSO do 2018 as residencias privadas custan un 8 por cento mais a todos os galegos e galegas” e “cunha oferta privada que se incrementou dende o 2010 nun 110 por cento”.

Tamén criticou que unha comunidade cunha das taxas de envellecemento mais elevadas de Europa teña unha taxa praza residencial/habitante maiores de 64 anos do 3,05 por cento, moi inferior ao 4,02 de media estatal, e o 5% que esixe a OMS”. O mesmo co tempo de tramitación para obter as prazas, o cal está fixado legalmente en 180 e no caso galego sitúase en 453.

A parlamentaria socialista referiuse tamén a baixada de inversión en persoal, cun 7,1 por cento menos que non chega para cubrir as baixas nin vacacións e apesares de manterse constante o número de prazas públicas diminuíu en 2 millóns de euros os investimentos en centros públicos a respecto do 2010.

Os problemas de persoal tamén se ve no relativo a inspección pois a pesares de que se aumentou en 112 o número de centros a inspeccionar, entre centros privados e concertados, mantense a mesma estrutura interna con unicamente 11 inspectores/as. Isto únese a un decrecemento da previsión de inspeccións a cal caeu de 429 no 2010 a 216 no 2016. Mesmo o informe do Consello de Contas citado anteriormente constata que as deficiencias non se subsanan e a administración pública non sanciona.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

 

  1. Realizar unha inspección de maneira urxente na residencia de maiores de Trives (Ourense), para comprobar o estado no que se atopan as súas instalacións, así como que se cumpre coa ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa de 0,20 por residente con autonomía, e de 0,35 por residente dependente establecida pola lexislación vixente, así como garantir a vixilancia e o coidado da saúde dos residentes por persoal cualificado para esta función, coa presenza localizada de persoal médico, e coa presenza física de ATS ou DUE ás 24 horas, tal e como establece a normativa actual.

 

  1. a) En caso de detectar irregularidades na inspección deste centro, tomar todas as medidas ao seu alcance para garantir que de maneira urxente se subsanen ditas deficiencias.

 

  1. Esixir aos centros residenciais que manteñan actualizados, permanentemente, os datos que consten no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos sociais (RUEPSS) en canto instrumento público de publicación e de ordenación do Sistema Galego de Servizos Sociais.

 

  1. Reforzar o labor inspector, incrementando durante a X lexislatura os recursos humanos para vixiar os incumprimentos da normativa ou estándares de calidade esixidos, adoptando en caso de que sexa necesario as medidas sancionadoras recollidas na Lei 13/2008 do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

 

  1. Dotarse de maneira urxente dun sistema informático normalizado para a xestión do persoal dos centros da nosa comunidade autónoma co obxecto de facilitar a xestión, e ofrecer información precisa da cobertura efectiva das xornadas de traballo”.