O Parlamento demanda a elaboración o vindeiro ano dun protocolo de atención ás persoas maiores que viven soas

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a elaborar, ao longo de 2020, un protocolo específico de atención ás persoas maiores que viven soas que coordine as actuacións de todos os servizos públicos e institucións implicadas na materia, contando especialmente cos servizos sociais comunitarios.
Publicado por o día 11/09/2019 na sección de Partido Popular,Política

O Parlamento demanda a elaboración o vindeiro ano dun protocolo de atención ás persoas maiores que viven soas

Así mesmo, demándase estender de xeito eficaz o servizo de axuda a domicilio, co obxectivo de garantir a cobertura en todo o territorio, tamén no medio rural, coordinándose coa atención primaria.

A iniciativa inclúe, ademais, aumentar os orzamentos para o Plan Concertado para garantir o servizo de axuda no fogar, de xeito que se garanta a cobertura en todo o territorio e o aumento do tempo de atención a cada persoa usuaria.

Tamén se pide apoio técnico aos concellos para a elaboración de protocolos sociosanitarios municipais de atención ás persoas maiores que viven soas; elaborar un estudo e base de datos sobre as persoas maiores que viven soas, en colaboración cos Servizos sociais comunitarios; e sensibilizar á cidadanía e formar ás e aos profesionais sobre o illamento social e as súas consecuencias.

ENVELLECEMENTO ACTIVO E SAUDABLE

A portavoz de Servizos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, salientou que “un dos principais retos do actual Goberno galego é facilitar un envellecemento activo e saudable, e para iso é fundamental é servizo de axuda no fogar”. Neste sentido, salientou que este servizo “conta este ano con máis de 75 millóns de euros e presta atención a 24.000 dependentes”.

Así mesmo, Marta Rodríguez lembrou que “o maior desafío que afronta Galicia a medio e longo prazo é o problema demográfico” e por iso “Galicia converterase na primeira comunidade autónoma cunha Lei de impulso demográfico, que ten previsto un investimento anual de máis de 700 millóns de euros”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.