O Parlamento demanda a Fomento e Audasa un procedemento áxil e sinxelo para tramitar as reclamacións dos afectados pola ampliación de Rande

“A Xunta veu insistindo, traballando e realizando unha demanda constante pola prestación dun bo servizo na AP-9, defendendo sempre que os usuarios teñen dereito a un servizo de calidade e que, ante situacións excepcionais, se deben adoptar tamén medidas excepcionais”, dixo Jacobo Moreira
Por o 25/01/2019 | Sección: Partido Popular,Política
O Parlamento demanda a Fomento e Audasa un procedemento áxil e sinxelo para tramitar as reclamacións dos afectados pola ampliación de Rande

O Parlamento de Galicia aprobou onte, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento e a Audasa que establezan un procedemento áxil e sinxelo para tramitar as reclamacións das persoas usuarias da AP-9 que se viron afectadas polas retencións causadas polas obras de ampliación da Ponte de Rande. Ademais, pídese que se estableza un protocolo que obrigue ao levantamento das barreiras das peaxes cando se produzan retencións que causen prexuízos de perda de tempo e diñeiro ás persoas usuarias das autoestradas.

O deputado popular Jacobo Moreira lembrou que “a Xunta vén mantendo desde hai moito tempo unha política activa respecto da autoestrada AP-9, que se manifesta pola demanda continua ao Ministerio de Fomento dun mellor servizo e na intención de asumir a súa explotación, co obxectivo de velar con máis eficacia pola calidade do servizo que reciben os cidadáns”.

“A Xunta veu insistindo, traballando e realizando unha demanda constante pola prestación dun bo servizo na AP-9, tanto ao anterior Goberno do Estado como ao actual, defendendo sempre que os usuarios desta autoestrada teñen dereito a un servizo de calidade e que, ante situacións excepcionais, se deben adoptar tamén medidas excepcionais”.

Jacobo Moreira manifestou que “as molestias derivadas da execución de calquera infraestrutura viaria deben ser sempre minimizadas na medida do posible, e así llo trasladou o Goberno galego en todo momento aos responsables das obras de ampliación da AP-9 en Vigo, demandando que ante situacións extraordinarias tamén se deben adoptar medidas extraordinarias”.

Porén, afirmou que “agora lle corresponde á Xustiza determinar se a concesionaria da autoestrada fixo o que podía facer e, en caso contrario, establecer as responsabilidades que corresponda e as compensacións á cidadanía”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.