O Parlamento demanda ao goberno do estado que garanta a seguridade dos pesqueiros en augas internacionais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno do Estado, no ámbito das súas competencias, que garanta a seguridade das frotas pesqueiras españolas en augas internacionais, especialmente ante a decisión de Reino Unido de endurecer a vixilancia nas súas augas.
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Partido Popular,Política

O Parlamento demanda ao goberno do estado que garanta a seguridade dos pesqueiros en augas internacionais

O deputado popular Alberto Pazos manifestou que “o Brexit é, sen dúbida, o desafío máis importante que a frota galega terá que afrontar nos próximos meses”, e salientou que “a Xunta está a tomar todas as medidas necesarias no ámbito das súas competencias para minimizar o impacto, converténdose na primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta”.

Porén, indicou que “ao PPdeG lle gustaría que o Goberno central actuase coa mesma dilixencia e coa mesma lealdade coa que actuou a Xunta”, porque explicou que “o Goberno galego pode colaborar na busca de argumentos, pero é o Goberno de España quen ten as competencias en aspectos fundamentais”.

SEGURIDADE DA FROTA

Alberto Pazos sinalou que “un aspecto que xera especial inquedanza no sector é a seguridade da frota, sobre todo despois da decisión do Goberno británico de fletar cinco patrulleiras co propósito de vetar rotundamente o acceso a augas británicas”. “Cando un goberno anuncia que está disposto a gastar 400 millóns de euros nun escudo militar para garantir unha blindaxe das súas augas, cómpre tomar a advertencia en serio e implementar medidas preventivas para evitar conflitos innecesarios e indesexados”, apuntou.

Diante desta situación, o deputado popular demandou ao Goberno central “que actúe dentro das súas competencias e faga algo pola seguridade dos mariñeiros, algo máis que sacarse fotos que pouco fan pola seguridade e o seu futuro”.