O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de En Marea e BNG, e a abstención do PSOE, a través da que manifesta o seu firme apoio á proposición de lei Orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios, rexistrada no Congreso dos Deputados polo Grupo Popular.
“Combater o alarmante e crecente problema da ocupación de vivendas, loitar contra as mafias e a delincuencia asociada á mesma e garantir así a propiedade privada, a convivencia e a seguridade son os motivos principais que impulsan esta iniciativa normativa”, concretou a viceportavoz popular, Paula Prado.
Na súa intervención, a viceportavoz popular explicou que esta proposición de lei establece, entre outras medidas, que o ocupante ilegal non gozará da protección de morada ou domicilio; que a Policía poda desaloxar a vivenda ocupada ilegalmente nun prazo exprés de 12 horas; reforza o delito de usurpación, pasando dunha infracción leve que conleva multa a infracción grave e con pena de privación de liberdade de un a tres anos; e recolle que a ocupación ilegal non poderá dar lugar á inscrición dos ocupantes no padrón municipal.
“Falamos de protexer o dereito á vivenda, do dereito á propiedade privada e da función social que deriva de esta; falamos de seguridade; falamos de protexer a convivencia veciñal pacífica e respetuosa coa seguirdade das persoas e das cousas; falamos de non permitir actuacións prohibidas, nocivas ou insalubres atentando contra a convivencia dos veciños e veciñas dos inmobles okupados; falamos de acotar os espazos de impunidade á delincuencia organizada que se aproveita das persoas máis vulnerables; e falamos, en definitiva, de reforzar as medidas existentes actualmente no ordenamento xurídico, tanto a nivel civil, como penal como administrativo”, sinalou.
Ademais, Paula Prado engadiu que a proposición de lei define por primeira vez de forma clara a ocupación ilegal e impide que os okupas se tenten amparar en fendas legais ou en dereitos que asisten ao cidadán que actúa legalmente para cometer ese atentado contra a propiedade privada. “Para iso permítese que as autoridades públicas e os seus axentes interveñan dentro do espazo ocupado para proceder ao desaloxo nun prazo de 12 horas ou mesmo de xeito inmediato”, engadiu.
REFORZO DAS PENAS E AXILIZAR O PROCESO PENAL
O texto normativo impulsado polo Grupo Popular no Congreso tamén reforza as penas asociadas aos delitos de usurpación, que pasarían de multa a privación de liberdade dun a tres anos e contempla de maneira específica a figura das mafias de okupación; ao tempo que axiliza o proceso penal para xulgar este tipo de delincuencia e para iso modifica a Lei de Axuizamento Criminal e a lei do Xurado.
“Fronte á pasividade e mesmo permisividade dos mal chamados alcaldes do cambio, esta proposición de lei do PP evitaría situacións como a batalla campal que tivo lugar en Santiago en xuño de 2017, cando foi decretado por un xulgado un desaloxo na rúa da Algalia e resultaron feridos seis policías agredidos por un grupo de encapuchados, ante o que o alcalde de Compostela Aberta posicionouse no lado dos okupas e dos violentos criticando a actuación policial”, lamentou.
Prado manifestou que “estes concellos, lonxe de promover unha política efectiva de vivenda, dedicáronse a consentir unha usurpación da propiedade que non é xustificable en ningún caso, pois trátase dunha ilegalidade en contra do dereito constitucionalmente recoñecido da propiedade”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.