O Parlamento galego aproba os orzamentos da Comunidade Autónoma para este ano 2021, os máis altos da súa historia

As contas acadan os 11.563 millóns e reforzan o gasto social coa cifra récord de 8.540 millóns de euros e o investimento produtivo con case 2.600 millóns
Publicado por o día 26/01/2021 na sección de Galicia

O Parlamento galego aproba os orzamentos da Comunidade Autónoma para este ano 2021, os máis altos da súa historia

As contas públicas de Galicia para o ano 2021 recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos que son os máis altos da historia da Xunta, esgotan o teito de gasto e acadan os 11.563 millóns de euros, aos que hai que engadir 101 millóns no capítulo VIII de instrumentos financeiros. Ademais, o gasto en xuros de débeda sitúase por debaixo dos 100 millóns de euros, o máis baixo desde hai 25 anos.

Os Presupostos deste ano inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.540 millóns de euros, e o maior investimento produtivo que acada a cifra récord de 2.592 millóns. Así, catro de cada cinco euros destínanse a gasto social, emprego e reactivación económica coa finalidade de seguir combatendo a pandemia, impulsar a dinamización da economía e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos.

En materia de política fiscal, a Xunta non sobe os impostos nin ás familias nin ás empresas no 2021 e consolida as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos. Deste xeito, máis de 115.000 familias beneficiaranse de novo das rebaixas de impostos aprobadas polo Goberno galego desde 2016. Ademais, a Xunta amplía de novo o volume de beneficios fiscais ata os 472 millóns de euros, toda vez que os beneficios fiscais inclúen aqueles ingresos que a Xunta decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares.

Catro novos fondos

A principal novidade dos Orzamentos de 2021 é que Galicia vai dispoñer de catro novos fondos que lle permiten contar á súa vez con novos instrumentos para acometer os retos aos que se ten que afrontar a comunidade galega. Estes novos instrumentos son o Fondo Covid, o Fondo REACT, o Fondo Consenso e o Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias.

O Fondo Covid está dotado con 503 millóns de euros destinados a seguir combatendo a pandemia. Ademais, faise unha reserva estratéxica de 33 millóns de euros que permita contar con recursos para reforzar calquera necesidade derivada da evolución da pandemia ou que poida xurdir no futuro.

O fondo REACT-EU cun importe de 430 millóns está destinado a impulsar a reactivación económica e o emprego. Este instrumento dispón de cinco liñas de actuación a dous anos: emprego e igualdade, reforzo do sistema sanitario desde o punto de vista económico, transición dixital, dinamización económica e transición verde.

Ademais, como novidade, créase por primeira vez o Fondo Consenso cunha dotación do 1% do gasto non financeiro dos Orzamentos (115 millóns de euros) que terá a finalidade de financiar os proxectos de investimento acordados no marco da Comisión parlamentaria de reactivación económica, no marco do Diálogo Social e nas recomendacións do Comité de Expertos Económicos de Galicia.

Finalmente, o Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias, de carácter plurianual está dotado con 105 millóns de euros no ano 2021 para financiar durante toda a lexislatura a construción e reforma de infraestruturas sanitarias #galicia_reactívase.