O Parlamento galego demanda ao Goberno central que asuma a proposta de estatuto de electrointensivas elaborado polo Goberno galego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que asuma a proposta de Estatuto para os Consumidores Electrointensivos elaborada polo Goberno galego e que adopte todas as medidas previstas de maneira inmediata en tanto que a situación dos 5.000 empregos que en Galicia dependen da industria electrointensiva é crítica, moi especialmente daqueles que dependen da factoría de Alcoa en San Cibrao.
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de Partido Popular,Política

O Parlamento galego demanda ao Goberno central que asuma a proposta de estatuto de electrointensivas elaborado polo Goberno galego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que asuma a proposta de Estatuto para os Consumidores Electrointensivos elaborada polo Goberno galego e que adopte todas as medidas previstas de maneira inmediata en tanto que a situación dos 5.000 empregos que en Galicia dependen da industria electrointensiva é crítica, moi especialmente daqueles que dependen da factoría de Alcoa en San Cibrao.

A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, lembrou que “o hándicap que presentan estas industrias de marcado carácter electrointensivo, pero especialmente Alcoa, é o consumo inxente de enerxía, que representa o 40 por cento dos seus custes”.

RESPONSABILIDADE

Marta Nóvoa sinalou que tanto a Xunta como o PPdeG “amosaron desde o primeiro momento a súa preocupación pola solución do problema desta industria, cuxo orixe está no prezo da electricidade e ante o que o Goberno central é o único que ten competencia e, por tanto, o único responsable de atopar a solución”.

Neste sentido, lembrou a plena disposición da Xunta para buscar unha solución aos problemas que ten Alcoa e destacou a proposta de estatuto para as empresas electrointensivas “con medidas clave que, xunto coa poxa de interrumpibilidade, repercutirán directamente na baixada do prezo da enerxía para estas industrias ata poñelas en igualdade de condicións co resto de Europa, situando o megavatio entre 35 e 40 euros”.

Entre as medidas que inclúe esta proposta de estatuto figuran a avaliación do consumo de electricidade e o valor engadido bruto das empresas; a categoría de consumidor hiperelectrointensivo; a supresión do imposto do 7 por cento á xeración eléctrica a todos os consumires que sexan grandes empresas, pemes ou particulares; suprimir o imposto especial sobre o carbón; reducir as cargas e peaxes nas tarifas de acceso; fomentar a contratación a longo prazo de enerxía eléctrica; ou a ampliación das axudas compensatorias por axudas indirectas de CO2.

ONCE MESES SEN ESTATUTO

“Levamos once meses, desde a aprobación do Real Decreto por parte do Goberno socialista, sen que se aprobe o estatuto dos consumidores electrointensivos, pero o máis grave é que os socialistas non quixeron mostrar o suposto borrador existente para comprobar se realmente contempla as medidas que o farían útil”, sinalou.

Ademais, a portavoz popular criticou que, “co problema de Alcoa enriba da mesa, o Goberno socialista reduciu as axudas á industria electrointensiva a través da baixada dun 40 por cento das poxas por interrumpibilidade, afogando a esta industria porque non melloraron as ordes de compensación por CO2”.

“Desde Galicia non imos deixar de esixir os compromisos que o Goberno de España ten con Galicia e con todos os traballadores galegos, porque falamos de crear unha transición enerxética ordenada e xusta, e tamén dun estatuto de electrointensivas que ofreza competitividade e estabilidade a estas industrias”, remarcou Marta Nóvoa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.