A portavoz do Mar, Teresa Egerique, sinalou que “o exercicio de marisqueo a flota esixe de faenar en zonas de escaso calado, o que impide que moitas veces poidan acceder cos barcos, facendo recomendable o uso de outras embarcacións de menor porte”. Deste xeito, considerou que a iniciativa aprobada hoxe “é unha reivindicación xusta que busca garantir o traballo destes mariscadores nunhas condicións de maior certeza, fiabilidade e operatividade”.
TRABALLO FEITO EN GALICIA
Na súa intervención, Egerique lembrou que “en Galicia veuse traballando, desde a colaboración entre o sector marítimo-pesqueiro e Consellería do Mar, nunha modificación da normativa que permitise flexibilizar tanto a regularización das embarcacións cuxos datos non coincidían cos do seu rexistro como de obter maior adecuación nas súas disposicións de potencia ou arqueo de cara a efectuar as súas tarefas marisqueiras ou pesqueiras”.
“Desde hai anos o sector ven reclamando unha revisión da potencia dos motores das embarcacións pesqueiras dedicadas á captura de percebe e a outros recursos específicos, como algas, ourizos, navallas ou poliquetos, co obxectivo de adaptalos á realidade da frota e da actividade que realizan, pois consideran que a escala actual non se corresponde coas súas necesidades laborais”, apuntou.
COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL
Teresa Egerique afirmou que, diante desta demanda, a Consellería do Mar “mediou ante a Secretaria Xeral de Pesca e a Dirección Xeral da Marina Mercante para intentar habilitar unha lista específica que contemplase as embarcacións que faenan a marisqueo ou a recursos específicos, ou que permita integralas na cuarta lista, co obxectivo de buscar unha solución para estes barcos que contan cunha estrita limitación de potencia”.
Froito desta demanda, o Goberno central comprometeuse a dar os pasos que permitan resolver esta situación mediante un Real Decreto que modificase a normativa que impide esta posibilidade de incorporación das embarcacións na cuarta lista, “polo que neste momento a Xunta está á espera de que o Estado dea os pasos necesarios neste sentido”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.