O parlamento insta á Xunta a presentar o balance do III Plan director da cooperación galega e presentar o IV Plan director para o período 2018-2020

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, solicitar á Xunta que presente no primeiro cuadrimestre deste ano un balance da execución do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, así como elaborar o IV Plan Director para o período 2018-2021.
Por o 21/02/2018 | Sección: Partido Popular,Política
O parlamento insta á Xunta a presentar o balance do III Plan director da cooperación galega e presentar o IV Plan director para o período 2018-2020
Compartir en:

O deputado Alberto Pazos subliñou que “a vocación pola solidariedade forma parte do acervo sentimental da galeguidade, unha vocación merecente dun apartado específico dentro da Estratexia Galega de Acción Exterior e que para unha proxección eficaz precisa dunha axeitada planificación”.

OPTIMISTAS SOBRE O CUMPRIMENTO

En primeiro lugar, a proposición non de lei aprobada hoxe solicita que a Xunta presente no primeiro cuadrimestre deste ano o balance de execución do III Plan director da cooperación galega 2014-2017, “que nos permitirá comprobar se se deu cumprimento á previsión da Lei de cooperación para o desenvolvemento”.

“Nós somos optimistas sobre o resultado desa avaliación, á luz dos resultados que foron arroxando as sucesivas avaliacións parciais dos plans anuais, pero entendemos que resulta imprescindible unha análise global da actividade desenvolvida en materia de cooperación durante os últimos catro anos”, apuntou.

Ademais, Alberto Pazos considerou que “chegou o momento de redactar un novo documento estratéxico que teña en conta os resultados da avaliación final do III Plan Director da Cooperación Galega e as directrices establecidas no V Plan Director da Cooperación Española, que afonde na posta en valor dos aspectos cualitativos da cooperación galega, e que conte coa participación de todos os axentes galegos de cooperación”.

INICIATIVA DO GOBERNO GALEGO

“Debe ser o Goberno galego quen tome a iniciativa de presentar ao Parlamento de Galicia unha nova proposta de plan director, que debería incorporar a Axenda 2030 das Nacións Unidas e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable; un modelo de xestión orientada a resultados; os resultados da avaliación intermedia e final do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017; e a consolidación dos procesos de mellora da calidade e eficacia da cooperación galega impulsados polos anteriores plans directores”, concretou.

Por último, a proposición non de lei inclúe a solicitude para que as orientacións estratéxicas do IV Plan director da cooperación galega 2018-2020 incorporen unha acción humanitaria de calidade que mellore a coordinación dos múltiples actores que nela participan, así como a súa coherencia, eficacia, eficiencia e rendición de contas.

O deputado popular afirmou que este IV Plan director “debería servir para corrixir erros, afondar na atención ás vítimas das crises humanitarias e mellorar a coordinación, afondando na colaboración con entidades especializadas no eido da acción humanitaria, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento ou a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí”.

RESPECTO E APOIO AOS COOPERANTES

Para rematar, Pazos referiuse ás informacións publicadas sobre supostas relacións de cooperantes de ONG’s británicas con prácticas de abusos, explotación sexual e prostitución. “Unhas gravísimas acusacións que deben ser sometidas a investigación co fin de depurar as responsabilidades que procedan, pero que non poden manchar o labor de miles de cooperantes que dedican o seu esforzo a practicar a solidariedade onde queira que sexa necesario”, sinalou.

Ademais, amosou “o noso respecto e apoio para a inmensa maioría dos cooperantes, sen dúbida dignos da confianza das administracións públicas e do conxunto da sociedade, que hoxe precisan máis que nunca para superar un momento de especial dificultade”.