O Parlamento insta a Xunta e Concello de Vigo a acordar a tramitación urbanística necesaria para remodelar as pistas de atletismo de Balaídos

A sentenza firme do Tribunal Supremo que anula o PXOM de Vigo afecta parcialmente ao proxecto acordado en 2011, polo que actualmente é imposible levalo adiante porque se cometerían irregularidades urbanísticas
Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Galicia,Partido Popular,Vigo

O Parlamento insta a Xunta e Concello de Vigo a acordar a tramitación urbanística necesaria para remodelar as pistas de atletismo de Balaídos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta a Xunta e Concello de Vigo a dar cumprimento inmediato ao compromiso para a remodelación das pistas de atletismo de Balaídos, acordando a tramitación urbanística necesaria para levar adiante este proxecto.

A portavoz de Deportes do Grupo Popular, Lupe Murillo, lembrou o convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Vigo en 2011 para a reforma integral das pistas de atletismo de Balaídos. “Porén, a sentenza firme do Tribunal Supremo que anula o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo afecta parcialmente a este proxecto acordado, polo que actualmente é imposible levalo adiante porque se cometerían irregularidades urbanísticas”, sinalou.

Murillo lamentou que estas pistas de atletismo atópanse nun “estado lamentable” e subliñou que “se trata de instalacións deportivas municipais, polo que o Concello de Vigo debe ser o garante da súa conservación e bo estado”.

INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

Lupe Murillo explicou que “existen dous informes xurídicos, por parte da Asesoría Xurídica da Xunta e do Consello Consultivo, en contra da demanda do Concello de Vigo para que estas obras se realicen conforme á Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese”.

Deste xeito, reiterou que “o Concello é o primeiro interesado na mellora destas instalacións municipais” e para iso concretou que “ten dúas alternativas posibles e xuridicamente viables aportadas polo Consello Consultivo de Galicia no seu informe: tramitar unha modificación puntual do Plan Xeral vixente, baseándose nos mecanismos permitidos na Lei 2/2016, do solo de Galicia; ou ben aproveitar o procedemento especial contemplado na Lei 2/2017 de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, no que se atopan medias provisionais a disposición dos concellos con instrumentos de planificación urbanística anulados ou suspendidos, total ou parcialmente, por sentenzas firmes”.

“Non podemos instar a ninguén a cometer irregularidades urbanísticas, pero con estas dúas solucións ábrense vías suficientes para dar unha saída precisa que permita avanzar na mellora destas pistas de atletismo viguesas que gozan moitos deportistas galegos”, manifestou a deputada popular.