O Parlamento solicita ao Sergas, a proposta do Grupo Popular, que publique o concerto formalizado co Hospital Povisa

Publicado por o día 21/11/2014 na sección de Partido Popular,Política

O Parlamento solicita ao Sergas, a proposta do Grupo Popular, que publique o concerto formalizado co Hospital Povisa

– “Felicito porque se asinara este concerto, nun momento especial no que nace o novo Hospital público Álvaro Cunqueiro e cun marco lexislativo novo coa aprobación da Lei de Garantías, que introduce a libre elección de médico e hospital”, engadiu

– Santalices manifestou que os pacientes que están baixo a cobertura asistencial do hospital POVISA teñen a mesma carteira de servizos que os pacientes que están cubertos polo Servizo Galego de Saúde, xa que son pacientes tutelados por este servizo

 O Parlamento galego aprobou hoxe, co único voto favorable do Grupo Popular, instar á Xunta para que, unha vez transcorridos os 48 días preceptivos desde a sinatura do acordo para a presentación de alegacións, publique no perfil do contratante do Servizo Galego de Saúde (Sergas) o concerto correspondente ao concerto formalizado co hospital POVISA para a prestación de servizos sanitarios á poboación de referencia.

“Temos o mesmo interese que os grupos da oposición en coñecer cal é o concerto asinado polo Sergas con POVISA, polo que pedimos que se publique este concerto”, manifestou o portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices. Ademais, subliñou que “a nosa postura é clara e contundente: estamos ante un hospital de calidade imprescindible nun contexto de atención sanitaria na comarca de Vigo”.

OFERTA VOLUNTARIA DE LIBRE ELECCIÓN

Santalices fixo referencia ás “informacións contraditorias” publicadas sobre o concerto asinado entre o Sergas e POVISA para atender a unha poboación aproximada de 139.000 habitantes. “Felicito porque se asinara este concerto, nun momento especial no que nace o novo Hospital público Álvaro Cunqueiro e cun marco lexislativo novo coa aprobación da Lei de Garantías, que introduce a libre elección de médico e hospital”, indicou.

Así mesmo, recordou o compromiso anunciado de que no momento en que estivera a punto de poñerse en funcionamento o novo hospital público se faría unha oferta voluntaria á poboación para unha libre elección de centro hospitalario de referencia, un proceso de libre elección que se repetiría anualmente.

O portavoz popular afirmou que “POVISA ten unha carteira de servizos e presta a mesma asistencia sanitaria que os demais hospitais do Servizo Galego de Saúde, existindo un intercambio asistencial complementario para garantir a totalidade das especialidades dentro do sistema sanitario”.

PRENSA GRUPO POPULAR GALICIA