O parque eólico Mouriños lévase por diante centos de árbores e parte do cumio dunha serra virxe na Costa da Morte

Unha subcontrata de Naturgy detona con explosivos o sector sureste do monte costeiro de 380 metros de altura que lle dá o nome á Serra do Gontón (Cabana de Bergantiños, A Coruña) e talla unha zona de piñeiral de alto valor ecolóxico na área de instalación do primeiro dos aeroxeradores do proxecto.
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Medio Ambiente,Sucesos

O parque eólico Mouriños lévase por diante centos de árbores e parte do cumio dunha serra virxe na Costa da Morte

A Asociación Salvemos Cabana Aínda que a loita ecoloxista e as xestións levadas a cabo nos últimos anos en maior ou menor medida e a distintos niveis por parte de un bo número de asociacións asociacións como a propia entidade ou a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e partidos políticos como En Marea ou Equo deron os seus froitos ao conseguir a conservación da área do Pico de Sinde como primeiro cume desta serra costeira, considera que “a triste realidade é que o resto deste singular espazo natural ten os días contados dado que as partes do macizo afectadas polo parque eólico modificáronse de maneira significativa e a restitución ao seu estado orixinal resulta sinxelamente imposible”.

Ante o desastre sementado na Serra do Gontón, permitido e impulsado desde o actual Executivo autonómico do PP logo de emitir unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable, dende Salvemos Cabana pregúntanse “para qué serve unha Consellería de Medio Ambiente que se mostra incapaz de protexer de maneira efectiva a natureza e a integridade do territorio” e se “este é o modelo que defende para Galicia o actual presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, no que lugares de alto valor paisaxístico transfórmanse por imposición en solo industrial utilizando a declaración de utilidade pública e as expropiacións forzosas a beneficio dos grandes intereses empresariais”.

A URXENCIA DE DERROGAR A LEI 5/2017

Doutra banda, Salvemos Cabana considera que mentres siga activa a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia “imposta polo rodete parlamentario do Partido Popular, e que na práctica impide que prospere calquera tipo de recurso legal”, o parque eólico Mouriños será só o primeiro de moitos, dado que esta norma “simplifica e acelera ao máximo os procedementos, contemplando a tramitación conxunta de diversas fases como a autorización administrativa previa, a de construción e o proxecto sectorial mentres o procedemento de información pública pasa a ser meramente testemuñal, o que recorta os dereitos das poboacións afectadas e impide avaliar correctamente calquera tipo de proxecto industrial que pretenda instalarse no territorio”.

De feito consideran que “no ámbito do sector eólico esta lei de implantación empresarial non contribuirá a fomentar un sector eólico máis eficiente e sustentable, senón unicamente a maximizar as contas de resultados das multinacionais da enerxía, nun contexto no que a cidadanía paga cada vez máis cara a electricidade a nivel doméstico, cuxa factura, segundo o último estudo da organización de consumidores Facua, aumentou un 77,5% no últimos quince anos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.