O Parque Nacional das Illas Atlánticas NON se privatiza!

A privatización ameaza a conservación de Ons

De acordo coas novas recollidas na prensa, a Xunta de Galicia está a negociar cos concesionarios privados da Illa de Ons a descatalogación de propiedades públicas para convertelas en privadas.

Independentemente do proceso histórico que levou a esta situación, a Sociedade Galega de Historia Natural considera que non existe ningunha xustificación legal que permita promover este cambio:

  • Sen afectar aos valores ambientais do espazo insular e marítimo de Ons, nin ás obrigas legais para a súa conservación como territorio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da Rede Natura 2000.
  • Garantindo o dereito da cidadanía galega a gozar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo.

O mantemento dos compoñentes da biodiversidade e da xeodiversidade do sistema insular de Ons nun estado de conservación favorable non se pode garantir transformando un ben público nun conxunto de propiedades privadas. Coa pretendida privatización desta parte do Parque Nacional incrementaríase a degradación do ecosistema insular, que xa está actualmente afectado pola propia acción humana.

Segundo novas de prensa, algunhas concesións están inmersas en problemas legais por incumprimento da normativa urbanística, así como nun proceso de transformación cara a un modelo turístico insostible. Xunto con outras xa coñecidas, estas accións reflicten unha falta de implicación de algúns concesionarios na conservación e protección da Illa de Ons, actuacións que deberían ser avaliadas e resoltas pola Xunta de Galicia acorde coa normativa actual.

Da Xunta, do Estado ou de entidades público-privadas

A Sociedade Galega de Historia Natural descarta que existan en Ons causas obxectivas para transformar as concesións públicas en propiedades privadas. No caso de que a Xunta non queira asumir as súas obrigas, estas concesións deberían ben pasar ao Estado para que garanta a súa conservación ou dar opción a entidades público-privadas destinadas á conservación da natureza para a súa adquisición. Neste senso a Sociedade Galega de Historia Natural estaría disposta a iniciar unha campaña de micro-mecenazgo a nivel galego, estatal e internacional para recadar o importe necesario para mercar e conservar axeitadamente esa parte do Parque Nacional.

Tendo en conta que a Illa de Ons é un ben de natureza pública integrado nun Parque Nacional e nun Espazo Protexido da Rede Natura 2000, a Sociedade Galega de Historia Natural ven de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia:

  • Que acorde co dereito ao acceso da información ambiental, remita a Sociedade Galega de Historia Natural toda a información relativa ao proceso de solicitude de cambio de adscrición patrimonial da illa promovido polos concesionarios, especialmente dos documentos ambientais que avalían este proceso. así como de toda a información que se poida xerar no futuro.
  • Que inclúa a Sociedade Galega de Historia Natural como parte interesada en devandito proceso, para poder informar á cidadanía sobre o mesmo e establecer as medidas de apoio necesarias tanto a nivel galego, estatal e internacional para velar, como indica a propia Constitución, “pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva”, xa que a Xunta de Galicia non o realiza.

Nado en Vigo hai 38 anos. Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

SIGUENOS EN TELEGRAM