O Partido Popular impide a rebaixa do imposto de rodaxe proposta por AER

Publicado por o día 02/10/2018 na sección de Galicia,Redondela

O Partido Popular impide a rebaixa do imposto de rodaxe proposta por AER

A proposta de AER baseábase unicamente en criterios ambientais mentres que a proposta do PP, a pesar de que aceptou as rebaixas por baixa contaminación, no resto dos casos só era relevante para os vehículos de maior cilindrada; buscando réditos electorais.

Javier Bas vén de propoñer ao pleno unha baixada do chamado “imposto de rodaxe” proclamando que “baixan os impostos”. Pode que no PP pensen que a cidadanía de Redondela se vende por 1, 3 ou 7 euros. Para que a veciñanza entenda, coa proposta do PP:

– Se por un coche de escasa cilindrada paga 18€ ao ano, agora pagaría 17€. Un ridículo aforro de 1€ no ano.

– Se paga 52€ por este imposto, coa proposta do PP pagaría 49€ por ano. Un “gran aforro” de 3€ cada ano.

– Se paga 112€, o desconto aumenta, pagaría 105€. Só 7€ menos ao ano.

Estas pequenas rebaixas (de 1, 3 e 7 euros ao ano) a estes 3 tipos de coches, que son os da maioría da veciñanza, xa que afectarían a 13.632 propietarios, suporían un descenso para as arcas do Concello de 68.628€ cada ano.

En canto aos coches de maior cilindrada, coa proposta do PP, quen paga 142€ pasaría a pagar 133€ e quen paga 218€ pasaría a pagar 205€. Vemos que os máis beneficiados serían estes coches de maior cilindrada, porque aforrarían entre 9€ e 13€ cada ano. Son 547 propietarios, que en total deixarían de aportar 5.321€ ás arcas municipais.

A isto chámalle Javier Bas “baixar os impostos”. AER prefire chamalo “deixar de prestar servizos á cidadanía” ou “non saber que facer cos recursos municipais”. Porque estas rebaixas, a pesar de ser irrelevantes para a maioría da veciñanza como acabamos de ver, en cambio si que implicarían unha rebaixa importante nos ingresos do Concello. Estaríamos a falar, sumando todos os tipos de vehículos, de máis de 90.000 euros menos; cartos que son necesarios para prestar os servizos públicos á cidadanía. Ademais, hai que ter en conta outro aspecto importante: a cantidade de cartos que Redondela percibe do Estado é maior canto maior é o esforzo fiscal por habitante. Os indicadores de presión fiscal sinalan que Redondela xa posúe un índice de esforzo fiscal por habitante inferior á maioría dos concellos cunha poboación similar (é o cuarto máis baixo dos que presentan os concellos en Galicia de máis de 20.000 habitantes). Polo tanto, esta rebaixa proposta por Javier Bas implicaría ademais que o noso Concello reciba menos cartos do Estado.

AER propuxo exclusivamente rebaixas temporais cun criterio ambiental e seguindo a etiqueta ambiental da DGT: canto menos contaminante sexa un vehículo, máis rebaixas. Estas rebaixas propostas por AER supoñían:

– Unha bonificación do 75% durante tres anos e unha bonificación do 50% nos dous anos seguintes para os vehículos menos contaminantes (“cero emisións”).

– Unha bonificación do 50% durante tres anos e unha bonificación do 25% nos dous anos seguintes para os que sexan “categoría ECO” segundo a DGT.

O Partido Popular de Javier Bas negouse a deixar esta proposta e retirar a súa. Está claro que pensan que poden comprar á cidadanía por 1, 3 ou 7 euros.

O Partido Popular de Javier Bas, en minoría na corporación, negouse a aprobar unicamente esta proposta ambiental (apoiada por todo o pleno) tentando impoñer a súa proposta, que foi rexeitada pola maioría da oposición de AER, PSOE e concelleiro non adscrito (o BNG votou a favor da proposta do PP).

Esa é a diferencia entre AER e PP: o criterio de AER é favorecer o coidado do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e que o Concello preste correctamente os seus servizos, mentres que o criterio do PP é tentar gañar votos.