O Partido Popular reclama en Mos unha solución á sinistralidade da A-55

Os candidatos pontevedreses ao Congreso e o Senado mantiveron unha xuntanza con alcaldes e voceiros da zona coa rexedora Nidia Arévalo como anfitrioa
Publicado por o día 29/10/2019 na sección de Galicia,Mos,Partido Popular,Política

O Partido Popular reclama en Mos unha solución á sinistralidade da A-55

O Partido Popular reclamou hoxe unha solución á sinistralidade da A-55 ao seu paso por Mos. Foi durante unha reunión celebrada no municipio, á que asistiron os tres primeiros postos da candidatura ao Congreso, María Ramallo, Diego Gago e Javier Bas, e os candidatos ao Senado Javier Guerra e Santiago Rodríguez Davila, ademais do presidente provincial, Alfonso Rueda. A rexedora de Mos, exerceu de anfitrioa do encontro, que contou coa presenza da alcaldesa de Oia, Cristina Correa, así como con portavoces e concelleiros da zona.

Os asistentes coincidiron na necesidade de solucionar os problemas da A-55 e dos numerosos accidentes que se producen nela. “Hai que impulsar outra entrada e saída de Vigo de xeito gratuíto porque na A-55 segue habendo accidentes graves de xeito constante e non se está a facer nada en ningún sentido”, afirmou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Entre as dúas opcións que hai sobre a mesa, a nova autovía entre Vigo e O Porriño cun túnel en Puxeiros, ou a eliminación da peaxe do Porriño, Arévalo sinalou que a supresión da peaxe sería a solución máis rápida e menos agresiva. “Pódese aplicar de forma inmediata”, recalcou.

A cabeza de lista ao Congreso, María Ramallo, coincidiu en sinalar a parálise de calquera das dúas solucións. “Isto é unha mostra máis do que levamos dicindo moito tempo: neste ano e medio o PSOE foi incapaz de dar nin unha soa boa nova á provincia de Pontevedra”.

Ramallo recordou outros asuntos enquistados, dos que non se sabe nada, produto da parálise do Goberno de Pedro Sánchez ou do desinterese nos temas que afectan á provincia, como por exemplo a supresión da peaxe entre Vigo e Redondela ou as obras da circunvalación de Pontevedra. “Non escoitaredes a ningún socialista da provincia reclamar estes investimentos nin o pago completo dos 700 millóns que o Goberno lles debe aos galegos”.

Outros temas abordados foron a necesidade de executar as partidas orzamentarias incluídas nos Presupostos Xerais do Estado aprobados por Mariano Rajoy e que incluían 21 millóns para a Variante de Pontereas, 6 millóns para mellorar a N-120 e os fondos necesarios para ampliar a depuradora dese mesmo municipio.

Ademais, o portavoz municipal do Porriño, Alejandro Lorenzo, reclamou a eliminación do paso a nivel do centro da vila, e o número 3 da lista, o ex alcalde de Redondela Javier Bas esixiu as obras de mellora en Chapela comprometidas trala ampliación da AP-9 ou a reforma da ponte de Trasmañó.

A visita forma parte da rolda de contactos que a candidatura do Partido Popular está a facer por comarcas para ter contacto directo con alcaldes e portavoces do partido. “Anunciamos unha campaña a pé de rúa e iso é precisamente o que estamos a facer: falar coa xente e escoitala”, sinalou o presidente provincial, Alfonso Rueda.v

Comentar noticia

Your email address will not be published.