O pazo de Liñares estrea a nova sala Hilgen onde se pode visitar o legado completo do xeólogo holandés

Coa posta en funcionamento desta sala cúmprese o principal obxectivo marcado polo Concello no momento da recuperación do material, que é o de darlle visibilidade e poñelo en valor
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de Galicia,Lalín

O pazo de Liñares estrea a nova sala Hilgen onde se pode visitar o legado completo do xeólogo holandés

O Concello de Lalín vén de estrear no Pazo de Liñares a nova Sala Hilgen onde se alberga unha exposición permanente con todo o material do xeólogo holandés recuperado a través da concellería de Turismo tras permanecer cedido temporalmente ao amparo dun convenio xa expirado no concello de Vila de Cruces que o mantiña, en parte, exposto no Museo da Minería de Fontao. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, visitou onte a mostra acompañado polo xeógrafo, Antonio Presas, e a amiga persoal de Hilgen, Charo Navaza, quen expresou a súa alegría por que o seu legado volva estar exposto no concello para o que foi cedido. Como sinalou o concelleiro, para conformar esta mostra foi necesario levar a cabo previamente un meticuloso e intenso traballo de clasificación, estudo e inventariado, que foi realizado polo mestre Presas, a quen Francisco Vilariño lle expresou o seu agradecemento pola  súa enorme colaboración neste proceso e destacou a importancia de poder contar cunha persoa experta na materia e coñecedora da figura de Jan Dirk Hilgen á hora de poder xestionar o seu legado.

Coa posta en funcionamento desta sala cúmprese o principal obxectivo marcado polo Concello no momento da recuperación do material, que é o de darlle visibilidade e poñelo en valor. Así mesmo, agora dáse a posibilidade de que as pezas e documentos poidan ser consultados e estudados con carácter científico. Por outra banda, como sinalou Vilariño, continúase dotando de contidos o Pazo de Liñares e incrementando os seus atractivos e recursos para ser visitado. Nesta liña animou tanto a lalinenses como turistas a achegarse ao Pazo e desfrutar deste novo e recén acondicionado espazo expositivo no que se pode ver a o legado completo de Hilgen.

O material do xeólogo holandés chegou a Lalín no ano 2008 por expreso desexo do científico falecido en 2004 e por decisión final da súa dona. Hilgen foi un investigador namorado da Galicia occidental e, sobre todo, da Serra do Candán, motivo que lle levou a manter un forte vínculo con Lalín e a forxar grandes amizades nesta vila. Foi un dos maiores expertos do mundo no estudo do ciclo oroxénico herciniano, que abarca toda Galicia. A colección de material de Jan Dirk Hingel ten un enorme valor, polo que é coa estrea da sala se asegura a súa prtotección, conservación e posta en valor. A exposición, de enorme valor, está formada por análises químicos, apuntes, diarios, diversas tipoloxías de rocas, cadernos, correspondencia epistolar, diapositivas, negativos, material bibliográfico, fotografías, teses, mapas, microscopios e un longo etc.

Comentar noticia

Your email address will not be published.