A saraiba provocou un regueiro de accidentes de tráfico en diferentes puntos da rede viaria de Galicia

Publicado por o día 10/04/2018 na sección de Sucesos

A saraiba provocou un regueiro de accidentes de tráfico en diferentes puntos da rede viaria de Galicia

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou esta tarde diversos accidentes provocados pola sarabia en diferentes puntos da rede viaria da Comunidade.

Deste xeito, uns doce vehículos víronse implicados esta tarde en catro accidentes que deixaron unha persoa ferida na AP-9, ao paso polo concello de Oroso.

Como consecuencia do impacto, a persoa quedou atrapada no interior dun dos vehículos implicados e necesitou da axuda dos bombeiros de Ordes para saír do coche e ser, así, atendia polo equipo do 061-Urxencias Sanitarias.

Foi a única persoa ferida neste accidente do que o 112 Galicia tivo coñecemento cando estaban a piques de dar as cinco da tarde de hoxe.

En concreto, producíronse catro choques arredor do quilómetro 55 en ambos os dous sentidos da circulación da AP-9 cunha ducia de vehículos implicados, entre os que se atopaba un camión.

Arestora, segundo confirma a Garda Civil de Tráfico, a circulación foi restablecida con normalidade, aínda que algúns medios seguen no punto con labores de limpeza e retirada dos restos dos accidentes.

Accidentes na Cañiza e en San Cristovo de Cea

Ademais, na Cañiza, catro turismos bateron por alcance na A-52, en dirección a Ourense, xusto á saída do túnel. A causa do golpe, dúas persoas necesitaron asistencia médica, aínda que, segundo indicaron os servizos de emerxencias, as lesións que presentaban eran de carácter leve.

Tamén en San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense, a sarabiada provocou unha concatenación de accidentes de tráfico con, polo menos, seis vehículos danados e unha persoa ferida.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, os sinistros rexistráronse por intervalos de apenas un par de minutos na AG-53, arredor do punto quilométrico 70, en ambos os dous sentidos de circulación.

Deste xeito, pasadas as dúas da tarde, produciuse o primeiro accidente, no que se viron implicados tres turismos e unha persoa tivo que ser atendida polos servizos sanitarios de urxencia.

Minutos despois, outro vehículo saíase da vía e, apenas un par de minutos máis tarde, producíase outro choque no mesmo punto, pero no sentido contrario. Neste último caso, foron dous os vehículos que sufriron danos e os ocupantes resultaron ilesos.

A maiores dos accidentes, os particulares que chamaron ao 112 Galicia para informar da situación creada na AG-53 sinalaron que a circulación por esa zona era complexa debido a que  as conducións climáticas estaban obrigando a moitos condutores a deter a marcha.

Cinco coches accidentados no Corgo

Pero non acabou aí, xa que, preto do mediodía, cinco vehículos colidiron na A-6, en dirección a Madrid, tamén por mor do pedrazo.

Neste caso, dúas persoas tiveron que ser atendidas por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias a causa das lesións provocadas polo golpe, que, porén, non revestían gravidade.