O Pergamiño Vindel e Martin Codax seguirán viaxando por todo o mundo da man dunha das máis prestixiosas editoriais internacionais

Na obra participan 18 especialistas de renome internacional e distribuirase polos cinco continentes
Por o 05/12/2018 | Sección: Cultura,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
O Pergamiño Vindel e Martin Codax seguirán viaxando por todo o mundo da man dunha das máis prestixiosas editoriais internacionais

Visitou Vigo a finais de 2017 e aquí quedou ata o pasado mes de marzo, cinco meses nos que miles de galegas e galegos non dubidaron en achegarse ao Museo do Mar de Galicia para ver de preto o Pergamiño Vindel. Xa de volta na Morgan Library de Nova York, as famosas cantigas de Martin Codax seguirán viaxando por todo o mundo, e farano nesta ocasión a través do libro The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax, unha obra editada pola John Benjamins Publishing Company, unha das máis prestixiosas editoriais do mundo, e na que participan 18 especialistas de renome internacional que exercen a súa investigación en diferentes universidades da península ibérica (Lisboa, Coimbra, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), resto de Europa (Roma, Perugia, Poitiers) e América (Nova York e São Paulo).

A obra presentouse este mércores no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, nun acto no que non faltaron a profesora Dolores González, vicedecana do centro e unha da persoas que se encargaron das negociacións que permitiron traer a Vigo o pergamiño; Camiño Noia, coordinadora da Comisión Vindel e os profesores Alexandre Rodríguez Guerra e Bieito Arias, editores do volume. “Estamos ante un fito historiográfico que dá a coñecer a cultura galega, a súa lingua e literatura, polos cinco continentes e que demostra que a nosa cultura é obxecto de estudo académico serio en todo o mundo”, explicaron os editores, que fixeron fincapé en que o libro “confirma a lingua galega como vehículo de coñecemento académico nunha editorial de tanto prestixio internacional e cos máis altos estándares de rigorosidade científica no noso ámbito de estudo”.

A editorial encagarase directamente da súa distribución a nivel mundial e de garantir o seu impacto e  divulgación internacional. “Neste sentido, cómpre salientar que existe non só o exemplar en papel, nunha edición dunha calidade magnífica, senón tamén o formato de libro electrónico”, recalcaron os editores, que adiantaron tamén que xa se recibiron peticións do libro chegadas desde Xapón “o que exemplifica o tipo de recursión que vai ter a obra”.

Realizar unha publicación de impacto era unha das condicións da Morgan Library

“Hai que lembrar que unha das condicións que puxo a Morgan Library para permitir que o manuscrito abandonase a súa institución foi que unha institución universitaria organizase e garantise a solvencia das actividades académicas realizadas e que entre os resultados houbese algunha publicación de impacto”, explicaron os editores, ao que engadiron que dúas das actividades científicas realizadas, o Simposio Internacional E irei madre a Vigo e o Ciclo de conferencias Os xoves do Vindel, están na orixe do libro, pois nel recóllense versións máis traballadas dos textos que foron presentados como comunicacións ou como conferencias.  “É necesario deixar constancia de que o orzamento para afrontar os custos de organización do simposio e do ciclo de conferencias, así como os gastos de publicación desta monografía, procede dunha axuda pública da Deputación de Pontevedra. Do mesmo xeito que hai que subliñar todas as facilidades que nos deu a Universidade de Vigo para que este proxecto chegase a bo porto”, recalcou Rdguez Guerra, que fixo tamén fincapé en que “a pesar de que o Pergamiño Vindel é un bifolio escrito unicamente pola cara interna, como obxecto de estudo é interesantísimo desde moitas perspectivas”.

18 capítulos e cinco grandes conxuntos temáticos

O libro divídese en 18 capítulos que se poderían agrupar en cinco grandes conxuntos temáticos. O primeiro bloque versa sobre cuestións literarias de moi diversa orientación: analízase a posición da obra de Martin Codax na literatura universal desde a perspectiva combinada da filoloxía e da antropoloxía cultural; revísase a discutida cuestión da unidade narrativa e a serialidade das cantigas codaxianas; trátanse varios aspectos relativos á métrica, ao deseño estrófico ou á técnica do leixa-pren; actualízase a cuestión da tradición manuscrita e reavalíase a inclusión da obra de Codax nos cancioneiros colectivos; arguméntase a favor da vinculación xeográfica de once dos xograis que integran o Cancioneiro de xograis galegos á área do suroeste de Galicia e finalmente, estúdase o papel desempeñado por algunhas liñaxes nobres como mecenas da prestixiosa literatura galega medieval.

No segundo bloque, relativo a cuestións lingüísticas, ecdóticas e codicolóxicas, e con base nunha análise moi pormenorizada do Pergamiño, realízase unha descrición paleográfica e codicolóxica actualizada do mesmo e abórdase a súa natureza como soporte escriturario, para hipotetizar sobre a natureza libraria, e non autónoma, do bifolio; realízase unha revisión dalgúns dos numerosos e ‘desconcertantes’ problemas editoriais sobre os que as opinións da crítica se polarizan; estúdanse trazos lingüísticos fonomorfolóxicos arcaizantes, o uso de voces que singularizan a obra de Codax no conxunto trobadoresco, así como as estruturas sintácticas oracionais, que tamén mostran un grao importante de orixinalidade; e incorpórase unha análise da onomástica trobadoresca incluíndo as últimas hipóteses sobre o nome e a persoa de Martin Codax.

Son dous os capítulos do bloque dedicado á vertente musical. Nun deles procúranse nas melodías orixinais codaxianas ecos de procesos de composición oral que poidan apuntar cara a un estilo de canción feminina, mais tamén se reflexiona sobre outros trazos que reflectirían unha reelaboración artística debida á iniciativa dos xograis galegos. No outro capítulo repénsanse algunhas das cuestións conflitivas que levanta a interpretación práctica da música antiga, en concreto da trobadoresca.

A sección dedicada á historia trata de realizar unha aproximación ó Vigo medieval contemporáneo do xograr, entre os sécs. XIII e XIV, cando esta vila se consolidaba como núcleo urbano, e o último dos conxuntos temáticos versa sobre a historia e a recepción do Pergamiño Vindel. Nel estúdanse pormenorizadamente a historia do Vindel desde o seu descubrimento a principios do séc. XX ata a súa entrada na Morgan Library, así como a repercusión específica que a descuberta tivo en Galicia e en concreto na cidade de Vigo. “En xeral, os estudos coinciden en sinalar a orixinalidade do xograr galego”, destacan os editores..

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.