O persoal da UCI fai unha sentada ás portas do Clínico para “meditar” tras 12 semanas de folga

Denuncian que a Xerencia segue ausente, ignorando as súas demandas e adiando as solucións
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Galicia,CIG,Protestas,Salud,Sanidad,Santiago,Sindicatos

O persoal da UCI fai unha sentada ás portas do Clínico para “meditar” tras 12 semanas de folga

O persoal da UCI de Adultos protagonizou, na súa duodécima semana de folga, unha sentada na entrada principal do Hospital Clínico de Santiago para meditar sobre a caótica situación que está a padecer. Lembran que levan en folga desde o pasado 16 de novembro e con mobilizacións todas as semanas sen que se dera avance algún. Por iso emprazan á Xerencia a que se poña tamén a meditar para dar unha solución.

Desde hai 12 semanas o persoal da UCI de Adultos do Hospital Clínico do CHUS vén demandando medidas de carácter organizativo e preventivas para as/os profesionais desta unidade de referencia para enfermos COVID-19 e prazos concretos para acometer as reformas comprometidas en xuño do pasado ano. Unhas obras que debían estar rematadas xa en setembro para solventar as deficiencias estruturais desta unidade e para as que, a día de hoxe, non hai data prevista.

Esgotamento físico e psíquico

O comité de folga denuncia o esgotamento físico, por mor das longas quendas de  traballo, de até 10 horas diarias, sen descanso, moitas veces dobrando quendas e co mesmo EPI posto durante todo ese tempo. Un esgotamento que tamén é psíquico, e que a esta altura xa lles vai pasando factura, pola situación da unidade, pola imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar e pola preocupación por un posible contaxio. Por iso alertan dos efectos psicosociais que esta situación pode ter ou mesmo de que a síndrome de Burnout poida afectar ás e aos profesionais se persiste a situación.

O persoal da UCI denuncia ademais a falta de información da implantación ou revisión de organización e métodos de traballo a representantes legais e a falta dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo en función das particularidades e funcións de traballo específico da UCI-A establecido pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais.

Xunto a isto poñen en evidencia a falta de formación de profesionais en novas técnicas e en riscos laborais, adestramento no manexo de EPIs para adquirir soltura e seguranza na UCI-A e poder reforzar a unidade, mesmo en momentos puntuais. Entende que isto é imprescindible para evitar riscos, mais denuncia que até o de agora as coberturas de persoal fixéronse “improvisando, chamando a casa para cubrir días en días de descanso ou dobrando quendas, movendo doutras unidades ou contratando o persoal de pool sen formación na área especial”.

Indican que neste intre, e polas informacións das que dispoñen, hai 47 doentes covid ingresadas/os en unidades de coidados intensivos:  18 na unidade de reanimación; 15 na UCI Covid e 14 na UCI que antes era non Covid.

Sobre estas cuestións xa presentou denuncia perante a Inspección de Traballo a CIG-Saúde de Compostela o pasado mes de outubro, diante da falta de resposta da Xerencia e a persistencia dos incumprimentos en materia de prevención de riscos, nomeadamente no referido aos protocolos covid, así como a ausencia de medidas preventivas de carácter organizativo e de plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais do persoal deste servizos ante o esgotamento que está a padecer a todos os niveis.